O debate que non haberá

O dominio do PP nas enquisas seguramente prive aos galegos dun debate electoral sempre necesario pero máis nas circunstancias que concorren nesta campaña. Nun exercicio medio onírico, permitinme imaxinar como podería ter sido ese tal debate (pido desculpas aos candidatos e candidata pola usurpación momentánea).

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 19/06/2020

Comparte esta noticia
PRESENTADOR 
Benvidas e benvidos ao único debate previo ás eleccións galegas o cal se celebra tralo rexeitamento por parte da TVG a un formato no que o candidato do Partido Popular non gozase do dobre de tempo que o resto de candidatos xuntos. Agradecemos que o candidato do Partido Popular aceptase participar neste noso debate aínda en condicións de igualdade. Precisamente, señor Núñez Feijóo, é a súa quenda de intervención. 
 
NÚÑEZ FEIJÓO 
Quero que as miñas primeiras palabras sexan para lembrar os case trinta mil falecidos no país pola pandemia, segundo cifras oficiais, e aos seiscentos falecidos na comunidá. Galicia se pode felicitar por ser a comunidá onde menos se espallou o coronavirus e iso demostra que en Galicia baixo o goberno do Partido Popular as cousas funcionan ben. Galicia foi ademais a comunidá que antes saíu do estado de alarma e iso volve demostrar que este goberno xestiona de modo eficaz e eficiente. 
 
Cando gañamos as eleccións en 2009, Galicia era unha comunidá peleada consigo mesma por culpa dun bipartito enfrascado en liortas internas e en conflitos que eles mesmo provocaron sen necesidade. Por sorte para os galegos, o PP gañou aquelas eleccións e as dúas seguintes así que con esta serán catro lexislaturas seguidas. O PP goza da confianza dos galegos igual que pronto gozará da confianza dos españois para substituír o executivo filocomunista que actualmente goberna España. 
 
Precisamente o que o Partido Popular vai facer é impedir que se forme outro goberno Frankestein en Galicia con partes e membros de partidos e faccións que non se entenden nin sequera entre eles. Abonda con ver algún cartel electoral no que so falta a caricatura do Ché Guevara. O Partido Popular de Galicia é unha organización forte e cohesionada en torno ao seu líder, que son eu pola graza dos galegos que volverán confiar en min o vindeiro doce de xullo. É a única maneira de conseguir que todo siga como ata agora, atado e ben atado. 
 
PRESENTADOR: moitas grazas, señor Núñez Feijóo. É a quenda agora do señor Caballero, o cal soa a redundancia, non si? O señor Caballero é o candidato polo PSdeG-PSOE. 
 
GONZALO CABALLERO 
Tamén eu quero comezar recordando as vítimas da pandemia que tanta dor causou e segue a causar aínda non so en Galicia e en España, senón no mundo enteiro. Que o señor Feijóo se felicite polos máis de seiscentos mortos que provocou a covid19 en Galicia paréceme cando menos algo frívolo, sobre todo tendo en conta que a maioría dos falecidos foron en residencias de maiores, responsabilidade exclusiva da Xunta de Galicia, feito que parece ignorar o señor Feijóo. 
 
A covid19 representa perfectamente o estilo de xestión de Núñez Feijóo, sempre a medio camiño entre o cero e a nada: el desenténdese dos problemas, preocúpase por que o saquen nos medios de comunicación e cando os feitos se desencadean, bota as culpas a calquera outro. España foi o país que atacou con máis determinación a traxedia do coronavirus como demostra a evolución das últimas semanas. A loita contra a pandemia foi liderada polo presidente Pedro Sánchez cun Núñez Feijóo limitándose a chupar roda, como vulgarmente se di. Endemais, non é verdade o que di Feijóo de que Galicia sexa a Comunidade Autónoma onde menos impacto houbo. Por casos sobre millón de habitantes, hai sete Comunidades con menor incidencia e por falecementos por millón é a quinta. O señor Núñez Feijóo minte aos galegos e galegas fiel ao seu estilo de facer política. Así, e non doutro modo, acadou a presidencia, con mentiras e calumnias. E que nos ofrece Núñez Feijóo para saír da crise tremenda na que nos atopamos? Pois a súa solución para todo: máis ladrillo. Como en Madrid. Claro que Madrid é unha comunidade onde medra a poboación ano tras ano e Galicia leva dez anos perdendo poboación. Iso grazas ás políticas baleiras do PP de Feijóo. 
 
Nas vindeiras eleccións, as galegas e galegos van escoller un presidente socialista. E Galicia vai cambiar a fondo, vai poñerse na senda do progreso con políticas radicalmente distintas ás habituais na dereita. O señor Feijóo é o señor dos recortes, das privatizacións, do ladrillo e da emigración. Galicia, comigo en San Caetano como presidente da Xunta, será o país do progreso, da innovación, dos servizos públicos e do emprego. E farémolo, ademais, co apoio decidido do goberno español por máis que lle pese ao señor Feijóo. A miña primeira medida como presidente será lanzar un plan ambicioso de competitividade e emprego que dinamice a economía galega e deteña a sangría das políticas do PP. 
 
PRESENTADOR: moitas grazas, señor Caballero. Ten a palabra Ana Pontón, candidata do Bloque Nacionalista Galego. 
 
ANA PONTÓN 
Quero dirixirme a tódalas galegas e galegos e agradecerlle a súa exemplar actuación durante a pandemia que asolou o noso país ao igual que a maior parte dos países do mundo. Galicia superou a pandemia a pesar da pasividade do señor Feijóo e grazas a marabillosa resposta social do noso país e moi especialmente ás traballadoras e traballadores da nosa sanidade. Quero tamén facerlles partícipes do novo tempo de ilusión que se abre para todas e todos nós. Saímos máis fortes e máis convencidas do fermoso futuro que nos espera se nos mantemos unidas. O 12 de xullo imos gañar o futuro e imos despedir esta etapa nefasta da nosa historia cun presidente interino unicamente pendente do momento en dar o salto a Madrid. Así leva o señor Feijóo dez anos e con ese ánimo se volve presentar: el o que quere realmente é ser presidente en Madrid, e mentres tanto sufrímolo en Galicia. 
 
O señor Feijóo destruíu nestes dez anos a industria galega, o sector financeiro galego, o agro galego, a paisaxe galega, a cultura e o idiomas galegos. De feito, o señor Feijóo destrúe o galego cada vez que fala. Como é posible que non aprendera a falar a lingua propia do país en quince anos que leva na política galega? A única política do señor Feijóo foi destruír o que construíra o goberno bipartito na etapa anterior. Destruíu o sistema galego de innovación, cancelou os proxectos en marcha no noso medio rural, paralizou as industrias que estaban planeadas, arruinou o tecido cultural que se organizara... Froito desa terrible labor do señor Feijóo, velaí os datos que deixa:  
 
Hai dez anos, as galegas e galegos representabamos o 5,97% da poboación do Estado español. Sabe canto representamos agora? O 5,72%, 25 puntos porcentuais menos durante o seu mandato, señor Feijóo. Aínda máis grave: hai dez anos, éramos o 6,05% da poboación activa do Estado español. Sabe cal é agora esa cifra, señor Feijóo? O 5,49%, 56 puntos menos en tan so dez anos. Este é o resultado das súas políticas absentistas. Vostede non é o presidente galego; é simplemente o delegado do PP en Galicia. Con vostede, cada ano somos menos, cada ano pesamos menos. 
 
Co Bloque Nacionalista Galego no goberno da Xunta, eu comprométome a deter esta sangría con políticas activas a partir dos valores endóxenos deste país. Comprométome a duplicar o orzamento de I+D e innovación como único xeito de facer competitiva a nosa economía; comprométome a facer da ecoloxía e o medioambiente o eixo clave da política galega como suxiren as tendencias económicas no planeta; comprométome a multiplicar por dous a superficie agraria útil, hoxe en día na cola de Europa; comprométome a restaurar o tecido sociocultural que o PP arruinou; comprométome a poñer en práctica novas ferramentas de financiamento, cooperación e apoio ás empresas galegas; e comprométome a reverter as políticas de privatización suicida que levou a cabo o goberno do señor Feijóo nestes últimos dez anos. 
 
PRESENTADOR: señora Pontón, non dispón de máis tempo. Debo pasarlle a palabra ao señor Gómez Reino, representante da candidatura de Galicia en Común onde conflúen, entre outras formacións, Unidas-Podemos e os restos das Mareas. 
 
GÓMEZ REINO 
O meu recoñecemento e recordo emocionado ás vítimas da covid19. É curioso que Feijóo saque peito da boa evolución dos datos da pandemia cando el participou do deleznable intento de derrubo do goberno español no momento máis crítico da historia contemporánea. Ese é o partido que representa o señor Feijóo, un partido cuxa estratexia vén definida por Aznar, o home que nos levou a unha guerra especialmente miserable. O partido con decenas de causas abertas por corrupción. O único partido que foi condenado por un xuíz na historia de España. O partido que pacta gobernos coa extrema dereita que representa o neofranquismo de Vox. Ese é o partido de Feijóo. A súa involucración en asuntos de dubidosa lexitimidade quedou confirmada cando non puido substituír a Mariano Rajoy por mor dos expedientes que circulaban por Madrid con informacións comprometidas, máis alá das aventuras que se correse o candidato do PP con narcotraficantes e demais provedores de crema solar. 
 
Feijóo so goberna para os seus, como fai o PP no conxunto de España. A marcha do emprego, dos dereitos sociais, do benestar, da sanidade, da educación... todo iso tanto lle ten a Feijóo, preocupado en recortar o peso do sector público e ir transferindo as súas competencias cara ao sector privado. Xa se viu no asunto Alcoa no cal non moveu un dedo para salvar os centos de postos de traballo en risco. Xa se ve co bloqueo do proxecto de revitalización do sector naval. Xa se viu nos recortes sufridos pola sanidade, pola educación e pola cultura. Feijóo non atende as necesidades da xente; el é o candidato das eléctricas, das clínicas e hospitais privados, das celulosas, dos grandes medios de comunicación, dos colexios privados, do IBEX e da FAES. É o candidato dos poderosos e dos detentadores do capital. 
 
Galicia en Común presenta a súa candidatura para inaugurar un futuro de esperanza a partir do doce de xullo. E faino co aval de ter aprobado o salario mínimo vital para o conxunto de España, de ter defendido as traballadoras e traballadores no crise terrible que acabamos de vivir e na cal aínda estamos inmersos. Galicia en Común é a candidatura da igualdade, dos servizos públicos, do I+D, da ecoloxía, da cultura e da nova maneira de facer política preto das cidadás e cidadáns e lonxe dos grandes holdings empresariais. Galicia non merece o goberno que ten. Rematemos co neoliberalismo, os recortes, a austeridade e coa corrupción. Esa é a proposta radical de Galicia en común. 
 
PRESENTADOR: moitas grazas aos catro candidatos e a vostedes pola estar aí, ao outro lado da pantalla. 
 
Ao seguinte día, os principais medios galegos coincidirían en sinalar a Núñez Feijóo como vencedor incuestionable do debate. 

Estudio da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) preparado para un debate a seis nas eleccións autonómicas galegas para o 5 de abril. CRTVG - Arquivo
Estudio da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) preparado para un debate a seis nas eleccións autonómicas galegas para o 5 de abril. CRTVG - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego