En Común comprométese a loitar polo sector do mar ante Madrid e Bruxelas fronte a un Feijóo que "non fixo nada"

A formación comprométese a impulsar o marisqueo cun novo plan de saneamento das rías galegas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/06/2020 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

O candidato de Galicia en Común - Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, asegurou que o futuro goberno loitará polo sector do mar ante Madrid e Bruxelas fronte a un Alberto Núñez Feijóo que "non fixo nada en 11 anos".

O candidato á Xunta de Galicia en Común, Anton Gómez Reino, nun acto na Pobra.
O candidato á Xunta de Galicia en Común, Anton Gómez Reino, nun acto na Pobra.

A coalición iniciou este martes a súa caravana electoral cun acto na Pobra do Caramiñal no que participou o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, e o número dous da candidatura pola Coruña, Luca Chao, entre outros.

No encontro, Gómez Reino incidiu na importancia que ten o sector do mar en Galicia que, conforme sinalou, nos últimos anos co goberno do PP de Feijóo perdeu máis de 500 embarcacións e case 4.000 postos de traballo.

O candidato chamou á mobilización da comarca do Barbanza e apelou ao espírito da noite de San Xoán. "Imos queimar todo o vello que representa Feijóo e empezaremos a construír o futuro que chegará o 12 de xullo", manifestou.

Así mesmo, anunciou as medidas que recolle o programa de Galicia en Común - Anova Mareas para o sector como é un plan integral de saneamento das rías que mellore a calidade das axudas nas zonas de marisqueo; así como un novo plan que incremente o espazo destinado á explotación e aumente o número de permisos.

"Alguén lembra que fixo Feijóo pola comarca do Barbanza nos últimos anos?", preguntouse Gómez Reino, que asegurou que Galicia necesita un goberno na Xunta que defenda o sector do mar en Madrid e en Bruxelas.

"Sepáranos tan só un punto da vitoria e iso son ao redor de 10.000 votos", sinalou antes de chamar á mobilización de toda a cidadanía para que o goberno que saia das urnas ofreza outra alternativa á receita de Feijóo para saír da crise económica e social.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta