Un país en shock traumático dende hai meses, onde atopar un traballo resulta unha quimera imposible, onde os estafadores son premiados con esplendidez, onde a mocidade so pensa nun destino no lonxe, onde as facturas non se recoñecen, onde se imposibilita o emprendemento, onde os pensionistas se revelan o principal sustento de moitas familias…
Uns gobernos incapaces ata a desolación, superados polos acontecementos do presente e polas expectativas de futuro, negando a evidencia do cataclismo, ocupados na blindaxe de privilexios e na busca conspirativa de oportunidades, abandonados ó impenitente paso do tempo como única solución…
Uns políticos coas costas cubertas de esterco, coas mans cheas de prea, con débedas de moral insoportables, borrachos de cobiza e cinismo, membros dunha elite intocable que se retroalimenta, e se autoprotexe, e se exculpa, e se garante unha magna existencia lonxe das fatigas do vulgo…
E un réxime onde as vacas sagradas tórnanse raposos, onde o excelso se agocha no sumidoiro, onde o magnífico demanda a urxente acción xudicial, e onde os brillos e fulgores proceden, en realidade, de mesquiñas bagatelas e rancios ouropeis…
España, país esperpéntico.