Feijóo defende a sanidade privada tras a pandemia: "É unha oportunidade para descolapsar a pública"

Enxalza a súa xestión, a pesar de ter que pechar toda a comarca da Mariña por un gran foco, e critica ao Goberno: "O atraso da alerta epidemiolóxica custou miles de vidas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2020 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou este luns a súa xestión da pandemia e contrapúxoa coa do Goberno central, ao que atribuíu un "atraso da alerta epidemiolóxica" de "dez ou quince días" que "custou centenares de vidas, miles de vidas" en España.

Nun encontro telemático organizado por Nova Economía Fórum, no arranque da última semana de campaña para o 12 de xullo, Feijóo defendeu que hai que "despolitizar a sanidade" e que os políticos deben "deixar de facer demagoxia e de sementar discordia" neste ámbito. "Se un poítico non sabe de sanidade, que cale, pero que non entorpeza a xestión profesional", pediu.

A continuación, advertiu que "non se pode demonizar a sanidade privada", que ve "unha oportunidade para que as persoas de renda media alta poidan ter un dobre aseguramento" que favoreza "descolapsar" o sistema sanitario público.

Para Feijóo é "un erro e un grave prexuízo ideolóxico" estar "en contra" de que unha persoa "a través da súa renda poida ter un aseguramiento adicional e use menos" a sanidade pública. Que "as dúas sanidades poidan coexistir", defendeu, favorece que se poida "mellorar a saúde cidadá".

Feijóo xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, nunha sala de urxencias
Feijóo xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, nunha sala de urxencias | Fonte: xunta.gal

PACTO

Por outra banda, defendeu que a el lle gustaría que en España houbese "un pacto sanitario", pero "cando o PP goberna, ao PSOE non lle interesa" e, ao seu modo de ver, cando son os socialistas os que están á fronte do Executivo, non expoñen un posible acordo "en serio".

Feijóo, quen desde o punto de vista estatístico reivindicou "os bos" datos de Galicia na pandemia, aínda recoñecendo que nunha pandemia que se levou vidas por diante as cifras "nunca son razoables", defendeu a importancia da sanidade e lamentou que calquera consenso sexa "moi difícil" cun Executivo no que "segue instalado o non é non" de Pedro Sánchez.

"Sen sanidade non somos nada, non hai economía, non hai actividade laboral, non hai nada", advertiu, antes de mostrarse convencido de que Galicia tivo unha mellor "resposta" fronte ao coronavirus porque, na súa década á fronte da Xunta, investiu "moito" en infraestruturas sanitarias e hospitalarias. Unhas declaracións que coinciden cun dos maiores focos do Estado, xa coa xestión íntegra da Xunta e que provocou o feche de toda unha comarca de máis de 70.000 persoas.

"GRAVÍSIMO ERRO" DO GOBERNO

A xuízo de Feijóo, "un dos gravísimos erros" do Executivo que dirixe o socialista Pedro Sánchez fronte á pandemia foi "o atraso da alerta epidemiolóxica", que "custou centenares de vidas, miles de vidas". "Chegar tarde dez ou quince días á alerta provocou o colapso nos hospitais de Madrid e tamén nas grandes capitais", asegurou.

Tamén destacou que ao colapso nesas grandes cidades, con aeroportos, contribuíron "todos os acontecementos económicos, culturais, deportivos e políticos que se deixaron facer na primeira quincena de marzo". "Foi letal", advertiu, convencido de que todo iso derivou en "unha infección masiva" que nas grandes capitais colapsou as urxencias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Inespal

Unha gran xestión si señor. Primeiro non comunica os concellos o número de contaxios que tén cada concello. A metade dos concellos da Mariña non teñen ningún contaxio, máis o confina. Pon nos concellos a responsabilidade da vixiancia. Como pode Barreiros, Ourol ou Alfoz, que non teñen policía local, vixiar o cumprimento das restricións. Que protocolo ten a Xunta para as votacións do domingo?? Vaites coa boa xestión.

1 Gamela

A ver se vai ser certo... que esta Sanidade é só para pobres (?) https://twitter.com/00Gamela/status... Como case todo o demáis logo da pandemia (?)