Yolanda Díaz reinicia en Santiago os seus contactos coa economía social

A ministra valora que "a maioría" de empresas "fan un uso responsable" dos ERTE, pero advirte que o contrario pode ter "responsabilidade penal".

Por E.P. | | 06/07/2020 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, reiniciou este luns en Santiago os seus contactos con entidades de economía social tras verse interrompidos pola pandemia da COVID-19. Tras manter unha reunión co Foro pola Economía Social Galega, destacou do sector que demostrou ser "profundamente eficaz nos tempos duros de crises" como os actuais.

Así o manifestou a ministra en declaracións aos medios despois dun encontro mantido co presidente do Foro pola Economía Social, Celso Gándara, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, no Hotel Porta do Camiño.

Neste contexto, Díaz explicou que se trata dunha primeira toma de contacto con aquelas comunidades nas que, como Galicia, a economía social opera con "tanta decisión", para articular un "plan estratéxico" do sector de cara á celebración do próximo Cume Europeo da Economía Social, que se celebrará en Toledo con España na Presidencia do Comité do Seguimento do Pacto de Luxemburgo.

"Imos despregar moitas accións que se viron interrompidas por mor da pandemia", comprometeu a ministra, quen erixiu a economía social nunha "maneira de facer economías diversas" que non só demostrou a súa "eficacia" en tempos de crises, senón que tamén "serven para fixar poboación" e como "apoio" da contorna rural.

Díaz desprazouse a Galicia para solicitar apoios, como o do Foro e o delegado do Goberno, para que España teña "un papel moi importante" durante ese Cume Europeo. De feito, comprometeuse a volver á Comunidade no marco destes contactos, posto que foi escollida pola Comisión Europea dentro do programa 'ESER 2019' (Rexións da Economía Social 2019).

"O ECONÓMICO" E "O SOCIAL"

Pola súa banda, o presidente do Foro pola Economía Social Galega agradeceu a visita da ministra e reivindicou o sector como "a expresión de que o económico non está rifado co social". A modo de exemplo, asegurou que na crise financeira do 2008, estas empresas sufriron unha destrución do emprego "de case dez puntos menos" que as convencionais.

Ademais, Celso Gándara fixo fincapé no "comportamento diferencial" da economía social, que "afecta tanto á configuración do seu persoal e ás condicións de traballo dos seus empregados como á súa especialización produtiva e á súa localización xeográfica". En total, calcula que os beneficios totais, directos e indirectos, destas empresas en España ascenden a 6.229 millóns de euros anuais.

Preguntado sobre como afectou a crise da COVID-19 a este tipo de empresas, explicou que "como a calquera outra", pero cun maior "aguante" e "resiliencia". "Unha gran parte da economía social é propiedade dos seus propios traballadores. Antes de pechar, antes de reducir, entre outras cousas baixámonos os soldos para poder aguantar", sostivo.

A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, tras reunirse co Foro pola Economía Social Galega.. MINISTERIO DE TRABALLO
A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, tras reunirse co Foro pola Economía Social Galega.. MINISTERIO DE TRABALLO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta