Xunta e intereses empresariais... Así foron os once anos das políticas medioambientais de Feijóo

Os movementos en defensa do medio ambiente acusan a Feijóo de actuar segundo os intereses das grandes empresas. Acusan ao executivo galego que durante os últimos once anos houbo un retroceso en políticas medioambientais, favorecendo a implantación de modelos económicos agresivos co entorno e tamén para as persoas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 09/07/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A terceira lexislatura presidida por Núñez Feijóo deixa un balance negativo en materia medioambiental para os colectivos defensores do medio ambiente. Segundo estiman, a Xunta de Galicia non tería potenciado políticas activas de conservación, protección e catalogación. Nin sequera na Rede Natura, “a máis pequena do Estado”. Pola contra, políticas enerxéticas baseadas en instalacións industriais que danan terreos protexidos, o incremento do espazo para plantas de crecemento rápido ou a insistencia en manter industrias e actividades en terreos de propiedade pública, destacan como un entramado de puntos definitorios do que significaría a preservación do medio para o goberno galego actual presidido por Feijóo. E a pesar de mobilizacións sociais contrarias a proxectos industriais denunciados como lesivos, o goberno autonómico segue insistindo en comportamentos que, mesmo legalmente, foron e son cuestionados.

Elpresidente da Xunta no parque eólico de Malpica
Elpresidente da Xunta no parque eólico de Malpica

POLÍTICA MEDIOAMBIENTAL, QUE É ISO?

Os once anos de gobernos Feijóo en materia medioambiental foron para algunhas organizacións ambientalistas e ecoloxistas, “un golpe de estado” contra a conservación do medio ambiente. Son once anos “desprotexendo hábitats e especies, esquecendo a Rede Natura, a máis pequena do Estado” di Belén Rodríguez de ADEGA. Pola contra, si se permitiron accións como proxectos eólicos en lugares onde non estaba permitido (Iribio), megaminas a ceo aberto e permitir prórrogas de concesións para industrias contaminantes en terreos públicos.

As políticas de reciclaxe que pide a UE, sobre todo con residuos, son aplicadas con verteduras en antigas canteiras. Tal é o caso de Casalonga en Teo, onde a vella explotación de áridos pasaría a ser un vertedoiro da empresa Toysal, tal como denuncian desde a plataforma Casalonga Limpa de Residuos. “Non lles interesa conservar o medio natural, din que respectan a legalidade mais despois fan por que a empresa poda seguir coas súas intencións” di Norma Pillado da Plataforma de Teo.

“Non existe unha política medioambiental” di Antón Masa, da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra. “Modificouse a lei de costas para que determinadas industrias puidesen permanecer máis alá da concesión”. Isto en aplicación á celulosa ENCE na ría de Pontevedra, que veu prorrogada a súa concesión cos gobernos de Mariano Rajoy.

O colectivo ContraMINAcción considera nula toda política ambiental. “A idea do actual goberno sobre o medio ambiente é crear proxectos industriais que no mellor dos casos son de lavado verde”. Este colectivo ve que as actuacións da Xunta fomentan políticas feitas a medida para logo usar “as portas xiratorias e a información privilexiada, sen que se lles movan as pestanas”.

Detrás destas actuacións estaría a aplicación da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia do ano 2017, tamén coñecida como a Lei de Depredación. A norma permitía unha serie de actuacións como a conversión de antigas canteiras en “áreas de reciclaxe”, permitía novas cualificacións de terreos e deixaba vía libre a outro tipo de explotacións “agresivas” co medio natural.

O MEDIO AMBIENTE ESTORBA A FEIJÓO?

“Feijóo sabe o que é o medio ambiente, un estorbo para as súas políticas de desenvolvemento a base de industrias contaminantes” di Belén Rodríguez. Entre esas accións industriais estaban a reapertura da mina de Touro que fora pechada durante os 80. Tamén se aproveitou a norma de 2017 para “termos a década eucaliptizadora” en detrimento do bosque autóctono. Tamén as políticas de infraestruturas poñen en risco algúns territorios como sería a autovía A76 polo parque natural Serra da Enciña da Lastra.

Outra polémica ambiental foi a prolongación da permanencia de Ence na ría de Pontevedra. Asinada polo goberno de Mariano Rajoy, a empresa de celulosa podería ficar onde está ata o 2076. “O PP está mirando polos seus intereses dentro do consello de administración de Ence” di Antón Masa. Dentro dese consello figuran exconselleiros de Medio Ambiente como Carlos del Álamo. A modificación da lei de costas de 1988 abría o camiño para as prorrogas, non só de Ence senón de moitas outras empresas en situación semellante.

As diferentes accións en materia de minaría acabaron por deixar ao director xeral de Minas, Bernardo Tahoces, como investigado por presunta prevaricación ambiental en relación á balsa da mina de San Finx. “O actual goberno ten dificultado a participación pública coa súa falta de transparencia” din desde ContraMINAcción. Neste punto coinciden con ADEGA na escasa permeabilidade da Xunta en canto expoñer os proxectos públicos.

“Só atenden cando vas por fiscalía” di Norma Pillado. A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos tiña convocada unha manifestación que non se celebrou por declararse o estado de alarma, “pois catro días antes anuncian que o informe medioambiental para o proxecto en Casalonga é negativo”. O segundo informe tamén foi negativo, mais a empresa Toysal segue a facer traballos nos terreos como o baleirado da lagoa. “Iso é un risco pola cantidade de químicos que leva esa auga”.

As políticas de medio ambiente da Xunta non reflicten as diferentes normativas aconselladas desde a UE e que os estados membros poden desenvolver. Así o indican as fontes consultadas para esta reportaxe. As plataformas e asociacións ecoloxistas e ambientalistas están de acordo que a presión das grandes empresas e dos seus intereses, son as que guían as actuacións dos gobernos Feijóo sobre o medio natural galego. Conclúen que realmente para Feijóo a natureza é un estorbo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta