Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2020 | Actualizada ás 13:35
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, instou este luns a "aprender" dos resultados electorais deste domingo e destacou o aumento do electorado "utilitario", que "axusta e concreta o seu voto en cada convocatoria", dependendo dos candidatos, as propostas ou as circunstancias, dixo.
A preguntas dos medios, o rexedor compostelán subliñou que, "claramente", os galegos "votaron de forma maioritaria por que Alberto Núñez Feijóo siga sendo presidente da Xunta" e por que Ana Pontón "lidere a oposición". "Os dous teñen unha gran responsabilidade", aventurou.
Do mesmo xeito, á vista dos resultados, para Sánchez Bugallo "confírmase un fenómeno que en Santiago se coñece ben, porque leva pasando décadas, pero que adquire máis dimensión". O rexedor chamouno o "voto utilitario", en que o cidadán decide a súa opción "en función de cada convocatoria electoral, dos candidatos, das propostas ou das circunstancias", un "voto que pode variar".
Isto, que "nun principio era un 10, 15 ou 20% do electorado, nestas eleccións, en Santiago, superou amplamente o 30%", dixo Sánchez Bugallo, que instou a "tomar boa nota" de algo que "vai ir crecendo no futuro". "Ninguén debe dar nada por suposto", engadiu.
"É un electorado que en cada convocatoria axusta e concreta o seu voto. Que nun momento determinado vota a Martiño Noriega para ser alcalde e a Ana Pontón para a oposición, ou a Bugallo para ser alcalde e a Feijóo para ser presidente da Xunta", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.