Listas de espera, recortes, precarización... Poderá Feijóo recuperar a sanidade pública, gratuíta e universal?

Alberto Núñez Feijóo inicia a súa cuarta lexislatura cunha axenda de cuestións pendentes desde que tomou posesión por primeira vez en 2009. Un punto importante é a sanidade pública, onde a atención primaria, os réximes de contratación, a externalización e o réxime de concertación coa sanidade privada e o COVID-19 non parecen constar ou polo menos, non parecen preocupar ao inquilino de Monte Pío.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 19/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A plataforma en defensa do centro de Saúde de Touro anunciaba o pasado 13 de xullo a súa disolución. Facíao un día despois da cuarta marioría absoluta de Núñez Feijóo, entendendo que ante este resultado electoral a reivindicación do servizo de pediatría para o centro de saúde non ten máis percorrido. Algunhas plataformas e sindicatos a favor da sanidade pública entenden que as políticas da Xunta sobre o sector seguirán incidindo en temas como privatización, externalización e concertación. Ven moi difícil facer recuar á administración Feijóo en canto a aplicación destas fórmulas, mais ven posible unha mobilización social en canto as condicións de atención cara a cidadanía se vexan alteradas de xeito negativo.

Manifestación da Plataforma SOS Sanidade Pública
Manifestación da Plataforma SOS Sanidade Pública

BARRA LIBRE PARA PRIVATIZAR

A política de Feijóo caracterizouse pola privatización de servizos que para o servizo de saúde son importantes. Loxística, historial electrónico ou atención por chamada, ademais da privatización de xestión de hospitais públicos ou renovar concertos como o de Povisa. “A concertación creceu un 40% na última lexislatura, a primaria está en situación de indixencia en persoal e equipamento” di Manuel Martín da Plataforma SOS Sanidade Pública en Galicia. “O primeiro que fixo Feijóo en 2009 foi anular o plan de mellora que supuña máis de 1000 prazas para atención primaria e prevía 60 novos centros que na práctica quedaron en sete”.

“O goberno de Feijóo non ten a sanidade pública entre os seus obxectivos” di Aurora Magán de Enfermeiras Eventuais en Loita. O colectivo das enfermeiras eventuais está considerado como un dos máis precarizados dentro do SERGAS. “Entre 2012 e 2013 falárase de poñernos nunha especie de ETT para as nosas contratacións” Magán non descarta que a idea volva estar sobre a mesa. Este posicionamento fai que o sector da enfermaría teña medo polos seu futuro ante a máxima de Feijóo: “a privada é o modelo a seguir”.

“Enfrontarse á maquinaria política do PP é moi difícil” analiza Eli Dosil do sindicato PROSAGAP. “As nosas espectativas non son boas logo do percorrido destes últimos anos, mais tamén cremos que Feijóo non concibe que a metade da poboación non está con el”. Desde PROSAGAP entenden que unha maior presión privatizadora en sanidade mobilizaría á poboación. “É inconcebible pensar en que haxa un cincuenta por cento que queira políticas que derruben o sistema público”.

A Quintana ateigada na protesta de SOS Sanidade Pública
A Quintana ateigada na protesta de SOS Sanidade Pública

PRECARIZACIÓN SANITARIA

As limitacións para a atención primaria, incluíndo os sistemas tecnolóxicos necesarios, impiden unha boa atención aos doentes, din desde SOS Sanidade Pública. “Hai centros de saúde que teñen máis dunha semana de espera, agora coa pandemia recorreron á atención por teléfono” di Manuel Martín. A precarización da atención primaria traduciuse segundo SOS Sanidade Pública en que “o 20% de persoas ten seguro en empresas privadas, o 30% recorre a urxencias por non ter reposta rápida en atención primaria e coas listas de espera, hai unha concertación do 40%”.

Enfermeiras Eventuais en Loita fixera un traballo de campo sobre a eventualidade no sector da enfermaría. “Os nosos cálculos estimaban un 40% de eventualidade, en 2017 o Consello de Contas de Galicia fixera tamén cálculos sobre o mesmo tema e o resultado daba unha cifra do 38,8%”. Así, confirmábase unha alta incidencia de eventualidade que se sumaba ao que consideran actos de discriminación laboral. “Pedir unha baixa ou un día de libre disposición despois de 61 días de traballo continuado non é posible, o primeiro que che din é que es unha contratada e que non tes dereito”.

Para Manuel Martín o problema sanitario é unha cuestión política que “responde a unha estratexia de defensa dun modelo onde se prima o negocio sobre a saúde das persoas”. Se se lle pregunta, estase vulnerado o dereito á sanidade pública universal? Martín non dubida “si”.

E CHEGOU A COVID

Coa chegada da pandemia por COVID-19 o sistema sanitario viuse nunha situación totalmente descoñecida. Eli Dosil estima que “se tes un labor de xestión debes estar preparado”. Isto dio ante o rebrote do coronavirus en Galicia. “Agora non serve a desculpa de que os colleu co pé cambiado, iso non di moito ao seu favor como xestores”.

Que Galicia non se vise tan afectada pola COVID nun primeiro momento, foi debido á política sanitaria de Feijóo?” Non, foi por circunstancias como o illamento do país” responde Manuel Martín. “Se no medio da campaña (electoral) hai un rebrote coa COVID pode considerarse un erro da administración”. Tamén engade: “o que fan moitas organizacións e gobernos é ocultar a información, non é ningunha novidade”.

Todo isto pode reflectirse nunha acción xudicial contra a administración galega pola súa xestión sanitaria? “Cremos que é máis factible a protesta da poboación porque a vía xudicial é moi lenta e non estamos seguros dela” apunta Martín. Con todo, esperan que despois da cuarta maioría de Feijóo “a poboación respalde o dereito á saúde e a atención universal”. O problema “é que se a poboación non é consciente que manter determinadas políticas pode sirgnificar retroceder en dereitos”.

“Por sermos persoal estatutario só podemos realizar reclamacións persoais” di Aurora Magán. “Tentamos facer forza, convencer ás nosas compañeiras e compañeiros que reclamen porque senón non hai límite para seguir precarizando”. Así que a solución para as enfermeiras sería a actuación ou denuncia individual fronte os tribunais.

Tamén ven difícil desde PROSAGAP a acción legal contra a actual política sanitaria, pois no caso da COVID-19 a administración poderá aducir que estaba diante dun imprevisto, mais en caso de rebrote non podería xustificarse da mesma maneira. “Aí si que tanto a xustiza como a sociedade actuarían de maneira máis contundente” sinala Dosil.

Para SOS Sanidade Pública non se pode usar a sanidade como ferramenta política. “A sanidade é importante para a xente e por tanto podemos caer na estratexia e no engano como se fai con outros feitos políticos”. A conclusión é que é necesario un labor de explicación de cara a sociedade sobre o que significa perder recursos e dereitos na sanidade pública, gratuíta e universal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

1 Moine

Acaba de ganhar umhas eleiçons com maioria absoluta e com quase 48% dos votos, isto significa que um grande segmento dos galegos e galegas defendem e estar d’acordo com as políticas de Feijoo. Agora a chorar ao cemitério, que onde se chora; polos actos assume-se responsabilidades.