Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2020 | Actualizada ás 12:37
As catro organizacións sindicais convocantes das mobilizacións dos días 22 e 28 de xullo (CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e Fete-UGT) acusan á Consellaría de Educación de elaborar o protocolo para a COVID-19 de forma unilateral e de pretender comezar o curso nunha “situación de case normalidade”. Así as cousas, consideran que "unha acción colectiva de dimisións en bloque" nas direccións dos centros educativos "sería oportuna neste momento".
"Con este protocolo o único que fai a administración é lavar as mans e trasladar a responsabilidade ao profesorado e fundamentalmente aos equipos directivos, como xa fixo durante o estado de alarma e ao final deste curso académico" e ademais "toda esa sobrecarga de traballo faise a costa de detraer tempo para o ensino e as tarefas docentes e lonxe de minimizar o risco de contaxio aínda se incrementa, ao manter as avultadas ratios por aula, con 25 crianzas en infantil e primaria ou até 30 en secundaria e bacharelato", indican os membros de CIG-Ensino.
O sindicato sinala que "este protocolo incrementa a carga burocrática detraendo tempo de preparar e dar clases e de novo son os equipos directivos os que teñen que asumir funcións propias da administración, dos servizos técnicos e do persoal sanitario" e que "nel tampouco se establece unha planificación clara nin cal sería a dotación de medios no caso de necesitar activar o ensino a distancia ou o ensino semipresencial para atender á vez alumnado presencial e outro en illamento no seu domicilio, etc.".
Ante esta situación os equipos directivos están abandonados á súa sorte e no caso de denuncias pola vía penal poden verse ante un xulgado sen saber cal sería o amparo legal que lles ofrecería a Consellería neste caso. Ante a gravidade desta situación as organización sindicais, ademais de convocar mobilizacións para o mes de xullo e de setembro, animan ás direccións a que amosen o seu rexeitamento, mediante escrito dirixido á Consellaría de Educación, ao Protocolo e declinen todas as responsabilidades nas que poidan incorrer pola aplicación do Plan de adaptación á situación COVID-19 no curso 2020/21.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.