Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2020 | Actualizada ás 15:40
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e Eduardo Hermida, representante da Agrupación Artística Meninas de Canido, asinaron un convenio para colaborar no financiamento do proxecto 'A primeira milla do Camiño Inglés', para a renovación estética de Ferrol Vello en base ao proxecto das 'meninas'.
O obxectivo desta iniciativa, que suporá un investimento de 38.000 euros dos que a Deputación achegará 30.000, é converter o inicio deste itinerario xacobeo nun punto "orixinal e totalmente diferente ás alternativas xa existentes". A actuación terá lugar no barrio de Ferrol Velo, que se intervirá para "conseguir un atractivo estético e artístico sen alterar a morfoloxía" da contorna.
A Agrupación Artística pretende trasladar o modelo das 'Meninas de Canido' ao barrio de Ferrol Vello, converténdoo "noutro referente cultural e turístico nacional e internacional", destaca a Deputación.
Para iso, mapearon a zona seleccionando posibles localizacións onde situar as súas creacións artísticas, que virarán ao redor de diferentes temáticas, como o peixe e o mar ou personaxes ilustres da cultura galega, principalmente ferroláns, como Torrente Ballester ou Concepción Arenal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.