Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2020 | Actualizada ás 14:30
Novo movemento no conflito da mina de San Finx. Días despois de que a plataforma ContraMINAcción dera a coñecer que a Xunta tería falseado presuntamente a catalogación da estrutura de San Finx para que a empresa concesionaria non tivera que facerse cargo da súa limpeza, Ecoloxistas en Acción anuncia que levará o caso ante o Valedor do Pobo sen descartar rematar nos tribunais.
"Se durante o trámite se aprecian indicios suficientes de criminalidade, solicitaremos ao Valedor que poña os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal", destacan nun comunicado no que esixen á figura que demande explicacións das autoridades. Segundo informou ContraMINAcción a semana pasada -e tal e como publicou GC- a Xunta tería encargado un informe no que a Dirección Xeral de Minas catalogaba a presa de San Finx como de uso veciñal cando existe numerosa documentación histórica que proba a súa natureza mineira.
En concreto, e sempre de acordo coas denuncias do grupo ecoloxista, o informe encargado 'de palabra' pola Consellería de Industria tería asegurado que a presa servía para moer millo, se ben a estrutura conta cunhas dimensións (ata 50 metros de cumprimento e 14 de altura) que pouco teñen que ver coas estruturas de emprego agrario. Así o consideran dende Ecoloxistas en Acción: "o departamento de minas da Xunta de Galicia afirmou en 2019 e 2020, en contra de todo criterio e a numerosísima documentación obrante nos expedientes mineiros, que a maior das presas non é unha instalación de residuos mineiros", destacan antes de chamar a atención sobre o feito de que unha presa con capacidade de aproxidamente 40.000 metros cúbicos estivera relacionada cun muíño augas abaixo, tal e como se afirmou no estudo de febreiro de 2020.
"IMPOSIBILITARÍA O MARISQUEO DURANTE DÉCADAS"
O caso de San Finx chegou inclusive á ONU, que, segundo os ecoloxistas, continúa coa investigación "sobre a falta de cumprimento de trámites ambientais" a respecto dunha estrutura que podería carrexar numerosas problemáticas no caso de virse abaixo. "A ruptura das ruinosas balsas -que segundo os ecoloxistas contan con "numerosas fendas"- ocasionaría un daño ao ecosistema mariño da ría de Muros que imposibilitaría o marisqueo durante décadas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.