Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2020 | Actualizada ás 13:04
O BNG volveu a esixir este xoves que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) realice "test masivos" e de forma "rápida" a toda a poboación na área sanitaria da Coruña ao considerar que as medidas anunciadas pola Xunta son "a medio prazo" e o PSdeG denunciou que en Galicia a "capacidade de detección" é "a metade" da media nacional.
En declaracións aos medios nos corredores do Parlamento de Galicia, onde este xoves se constituíron as comisións para a próxima lexislatura, a líder do BNG, Ana Pontón, mostrou a súa preocupación pola situación epidemiolóxica de Galicia.
"O que vemos é que cada día hai máis casos, hai máis de 1.600 persoas recoñecidas coa COVID-19 e máis do 60% concéntranse na área da Coruña", manifestou Pontón, que considerou que estes datos deben levar a "unha reflexión" ao Goberno da Xunta. "É evidente que as medidas que se están tomando non son o suficientemente contundentes como para paralizar a cadea de contaxios", indicou.
Así, criticou que as probas PCR anunciadas polo Goberno galego para esta zona vaian desenvolverse en "máis dun mes". "Estamos a falar dunha medida a medio prazo, non a curto prazo, para conter a expansión do virus e, sobre todo, nunha área como a da Coruña, onde a Xunta recoñece que hai transmisión comunitaria", censurou.
FALTA DE "CAPACIDADE DE DETECCIÓN"
Tamén en declaracións aos medios nos corredores do Parlamento, o vicesecretario xeral do PSdeG e viceportavoz Parlamentario, Pablo Arangüena, censurou que o Goberno galego siga sen informar da "cifra de rastreadores".
Así, tras asegurar que a cifra de "6.000" dada pola Xunta "non se corresponde de ningunha maneira coa realidade", sostivo que ao PSdeG cónstalle que "hai 20 rastreadores". Ademais, advertiu de que, segundo o último informe do Instituto Carlos II, a capacidade de detección de Galicia é "a metade" da media nacional.
"Temos que estar á altura e, sobre todo, non se pode practicar a opacidade coa información. Necesitamos dispor desa información e non queremos que se nos amenta con falsas cifras sobre o número de rastreadores", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.