As 260 miradas de Isaac Díaz Pardo no ano do seu nacemento

Unha exposición no Gaiás a partir de novembro funcionará de "mirada global" á súa obra e ao que significou para a modernización de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2020 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

Máis de 260 pezas servirán para "reencontrarse" co compromiso e a polivalencia de Isaac Díaz Pardo no ano do centenario do seu nacemento, que se cumpre este sábado 22 de agosto. A exposición 'As miradas de Isaac' poderase visitar desde o próximo 6 de novembro ata o 4 de abril na Cidade da Cultura de Galicia.

A mostra foi presentada este venres polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, a modo de "mirada global" a unha obra variada que buscou a recuperación da memoria e a modernización de Galicia. Pola súa banda, a directora do Gaiás, Ana Isabel Vázquez, destacou o obxectivo de reivindicar o que significou e dalo a coñecer, sobre todo, entre as novas xeracións.

O cartel ten como imaxe a dun autorretrato inédito de Díaz Pardo de mozo que nunca se expuxo e que apareceu en 2019 nun dos cartafoles de documentación que gardaba no seu arquivo persoal. Ninguén da familia o coñecía e está debuxado a lapis, datado en 1940.

Díaz Pardo, que faleceu o 5 de xaneiro de 2012, "viviu sempre como un anacoreta", segundo resaltou Xosé Díaz Arias de Castro, un dos seus fillos e comisario da exposición xunto ao seu irmán Camilo.

Composta por obras de arte, diversos obxectos persoais, fotografías, textos, murais, documentos e proxeccións, a exposición, a primeira de gran magnitude despois da súa morte, está concibida de forma pedagóxica, segundo explicou, con varias seccións para abarcar a amplitude e o valor da obra de Díaz Pardo. Fará fincapé na súa faceta de intelectual e "home de ideas", que deu "unhas pautas" tamén sobre o que "el pensaba deste país", remarcou o seu fillo.

En concreto, serán dez espazos interconectados entre si cun percorrido que comezará na influencia do seu pai, Camilo Díaz Baliño, e que terminará no Museo Carlos Maside, pasando pola parte industrial, intelectual e de editor de Díaz Pardo.

En concreto sobre o Museo Carlos Maside, que cumpre 50 anos, sinalou que a mostra tamén busca precisamente polo en valor e "ver se entre todos lógrase sacalo do estado actual", despois de anos de abandono que levaron a que a Xunta acordase incoar expediente para a súa tramitación como ben de interese cultural (BIC).

Ademais das 260 pezas, 'As miradas de Isaac' terá unha vertente audiovisual, un proxecto web con permanencia máis aló do termo da exposición e un libro catálogo "que vai dar vida máis aló" do seu fin á mostra.

Cartel da exposición sobre Isaac Díaz Pardo, desde novembro no Gaiás. XUNTA
Cartel da exposición sobre Isaac Díaz Pardo, desde novembro no Gaiás. XUNTA | Fonte: Europa Press

ESPECIALISTAS

A mostra contará co asesoramento dun comité de expertos, cada un encargado dunha sección. Formarán parte deste consello de especialistas Iria-Friné Rivera Vázquez, historiadora da arte, fotógrafa e divulgadora; Rosario Sarmiento Gradua, xestora cultural,crítica de arte, comisaria de exposicións e especialista en coleccionismo; Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da USC, membro da RAG, expresidente do Consello da Cultura Galega e exrector da USC; Teresa Pena Moreda, directora da Biblioteca Municipal de Lugo e licenciada en Xeografía e Historia; Fernando Arribas Arias, doutor pola USC, licenciado en Humanidades, mestre e responsable da área de difusión do Museo Provincial de Lugo; Andrés Varela Martínez, doutor en Química pola USC e exdirector do Departamento de Tecnoloxía do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos; Daniel Beiras García-Sabell, arquitecto e urbanista especializado en arquitectura ecolóxica, proxectos de rehabilitación e recuperación do patrimonio histórico; e Carmela Montero, documentalista, conservadora da Fundación Luís Seoane e comisaria da mostra Carlos Maside-Luís Seoane. Aquel abrazo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta