Por Europa Press / Redacción | Mabegondo | 25/08/2020 | Actualizada ás 11:30
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería de Medio Rural, rexistrou case 70 variedades comerciais e de conservación dos principais cultivos de Galicia na Oficina Española de Variedades Vexetais (OEVV).
O proceso iniciado coa creación do Banco de Xermoplasma de Mabegondo continuará co rexistro de máis dunha vintena de variedades máis, con xenética maioritariamente autóctona galega. Entre as variedades que rexistrou o CIAM destacan, por volume, as froiteiras, cun total de 24 tipos de maceiras inscritas e 18 de pereiras.
No primeiro dos grupos inclúense as mazás Camoesa do Inverno, Castaña e Marafonsa, así como distintas clases de Repinaldos, Peros, Tres ou Tabardillas. Mentres, no segundo están as peras Negras de Inverno, as Cabazas, as Santiaguesas, as Sevillanas e distintos tipos de Manteiga.
No tocante ás especies de horta, están rexistradas xa un total de 17 variedades conservadas no Banco de Xermoplasma do CIAM, entre as que resaltan os pementos de Padrón, do Couto, de Mougán, de Oímbra e da Arnoia, así como os recentemente incorporados Couto grande e Piñeira.
Neste grupo atópase tamén o tomate Negro de Santiago, o repolo de Betanzos e as cebolas de Betanzos, Ribadeo e Vilagarcía.
OUTRAS EN PROCEDEMENTO DE INSCRICIÓN
Así mesmo, outras 22 variedades de horta están co procedemento de inscrición iniciado, como os casos dos pementos de Guindilla da Angustia e Ourense Verde, o guisante da Cova, así como as leitugas de Feáns, Lugo e Miño.
Tamén a dos tomates de Avoa de Osedo, Olimpia Ourense, San Lázaro ou Taller de Lubre. Mentres, están pendentes de solicitude por atoparse en ensaio o pemento de Seixalbo ou os tomates Amadeo Monforte, Convento ou de Corno.
Ademais, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo ten rexistradas catro variedades de forraxes --o dactilo Artabro, o trevo Maragato e os 'ryegrass' Ciami e Pomba--, dúas variedades autóctonas de trigo --Callobre e Caaveiro--, e outro tres de millo --Amurrio CIAM, Ponteareas e Aranga--, mentres outro tres deste tipo de gramínea están co procedemento iniciado.
Neste último caso, rexistrouse tamén un cruzamento de liñas puras procedentes de xermoplasma de Galicia por liñas americanas, así como varios híbridos de millo con material de orixe galega cultivados por agricultores da comunidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.