Por Xosé Glez. | Vigo | 08/09/2020
Para que así sexa, cómpren que as instancias institucionais incidan na cidadanía salientando a importancia que teñen os seus actos persoais no uso da lingua galega, por acción ou omisión.
É evidente que se un clube de fútbol utiliza o galego nas relacións cos seus siareiros, estes estimarán máis o idioma. Ou se todos, en xeral, amosamos preferenza polos produtos etiquetados en galego, estamos a modificar estratexias comerciais equivocadas. E que dicir se os cemiterios tivesen máis lápidas en galego, como corresponde a un pobo que ten lingua propia que queda esluída na memoria colectiva ano non ser utilizada para perpetuala?
Os xulgados e demáis órganos xurisdicionais ditarán máis sentenzas en galego se todos os que acudimos a eles para dirimirmos conflitos interpersoais nos expresamos oralmente ou por escrito no noso idioma, e a maiores solicitamoslles que se nos dite sentenza en galego.
Non teñen acaso importancia os documentos xurídicos (testamentos e contratos de todo tipo) que gardamos na casa para as xeracións vindeiras? De darmoslles a importancia que teñen, os nosos fillos e fillas, asi como familiares directos, aprenderían a valorar unha lingua na que expresamos sentementos, desexos ou acordos, propiedades e bens mobles e inmobles.
Temos un aplísimo marco xurídico que nos permite exercitar os dereitos lingüísticos. Velaquí un resumido catálogo de galeguización que depende da decisión persoal para aplicalo na vida cotiá:
1.- Actividade xurídica e xudicial. a) Contratos con avogados e procuradores, instando a que a defensa se faga en lingua galega oralmente e por escrito perante os órganos xurisdicionais nas vistas orais, como partes ou testemuñas. b) Solicitar do órgano xurisdicional competente que se dite sentenza en lingua galega.
2.-Actos sociais (relixiosos ou civís). Banquetes (bauticeiros,comuñóns,vodas, funerais, cabodanos…)
3.- Actos xurídicos documentados en rexistros, notarías e outras instancias oficiais: a) De aluguer. b) De compra e venda. c) Constitución de sociedades mercantís. d) Escrituras de constitución de hipotecas e propiedades horizontais. e) Declaración de herdeiros, e en todos os demais previstos polas leis.
4.- Artes escénicas e Libros. Acudir ás representación das artes escénicas na nosa lingua, e consumo de libros en galego.
5.- Bilingüismo pasivo. Nas relacións cos familiares e xente en xeral, utilizar a lingua galega, aínda que os máis falen en castelán.
6.- Comisións de festas. En calidade de ramista ou membro integrante delas, exercer o dereito a galeguizalas.
7.- Contratos de obra a) Con contratistas, arquitectos e aparelladores e demais técnicos para elaboren proxectos maiores e menores.
8.- Contratos de servizos: a) De gas, electricidade, telefonía...b) Pólizas de seguros e decesos. c) Con entidades financieiras. d) Con outras entidades comerciais.
9. -Ensino.Utilizar a lingua galega: a) Nos apuntamentos escolares. b) Nas relacións co profesorado. c) En exámes. d) Preocuparse pola infancia no ámbito familiar.
10.- Necrolóxicas. Galeguizar lápidas funerarias e esquelas.
11.- Postos de traballo. Utilizar o galego en todo aquilo que a lei permita, que non é pouco.
12.- Produtos comerciais. Amosar a preferenza no consumo polos produtos etiquetados en lingua galega.
13.- Publicidade. a) Comercial -rotulada, estática e impresa-, e b) en todo tipo de negocios.
14.- Relacións coas administracións públicas. Indiscriminadamente.
15.- Relacións documentais coas entidades recreativas. Solicitar das que se é socio que as relacións escritas sexan en galego.
16.- Relacións sindicais. Instar aos comités de empresa para que estes inclúan na negociación colectiva: a) o dereito a recibir información, nóminas e contratos, en galego, e b) incluír os dereitos lingüísticos dos traballadores.
Por lei, as administracións públicas, teñen o deber de fomentar o uso do galego en todas as ordes da vida social,económica e cultural. Pero de cada un de nós depende que a correlación de forzas sexa maior a prol do galego.Todo é posible se o esforzo persoal está dirixido cara a consecución dun fin: darlle maior pulo á lingua e cultura galega.