'Manoliño', o golfiño da Ría de Muros que quedou só e "busca o cariño de quen sexa"

Cada vez máis navegantes e traballadores do mar reportan encontros co animal, "moi cariñoso". "Sae do porto con uns, volve con outros... vai con quen sexa".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Da Freixa a Esteiro, pasando por Portosinxo e a Illa da Creba. Son moitos os puntos da Ría de Muros-Noia nos que se deixa ver o arroaz -un golfiño común- que está en todas as conversas de navegantes, mariñeiros e mariscadores da ría. "Segue a quen sexa. Sae do porto con uns, volven con outros... é moi cariñoso", resume Carlos Becerrín, que xa avistou ó golfiño "moitas veces" nas saídas co seu caiac.

Captura de pantalla dun dos vídeos nos que se aprecia ao golfiño ' en Noia
Captura de pantalla dun dos vídeos nos que se aprecia ao golfiño ' en Noia | Fonte: cedida

O golfiño da Ría de Muros é un episodio máis dun final de verán cargado de avistamentos nas augas galegas. Ó achádego de orcas e ata baleas azuis súmase agora un compañeiro máis afable para os navigantes da ría, que dan probas do carácter "simpático" do animal. "Moitas veces vai nadando ao teu par e cando de detés el tamén o fai, quedando xusto ao carón", explica Carlos.

EXPULSADO DA SÚA MANDA

Aínda que a presenza de arroaces na ría de Muros non deixa de ser común -"teño visto moitos grupos deles", explica Carlos- si é atípico que teñen un comportamento tan próximo ós humanos. "Segundo explicaron é posible que formara parte dunha manda e que, ao ser macho, fora expulsado. Agora busca o cariño de calqueira que estea na ría", sinala.

As interaccións co animal, malia ser desaconselladas polos expertos -e ilegais- foron máis que comúns nas últimas semanas por parte dos habituais da ría. A máis coñecida veu da man dun mariscador que capturou en vídeo un contacto moi estreito co cetáceo. "Ponse panza arriba, pasa por debaixo da embarcación... é espectacular", relata Carlos, que recoñece os lazos creados co animal. "Miña filla xa lle puxo nome, chámao Gaspar, Alfredo... os mariscadores chamáronlle Manoliño".

PERIGO COA TEMPADA DE MARISQUEO

O inminente comezo da tempada de marisqueo é motivo de preocupación para o compañeiro do golfiño. "Neses días a ría énchese de ata 600 planeadoras, a ver se non se arrima", pondera ante o medo de que as embarcacións poidan golpealo. Coa fin do verán a apenas uns días, Carlos non centra as súas esperanzas non en que o golfiño permaneza na ría para a seguinte tempada, senón en que non atraia compaña indesexada. "Mentres non aparezan as orcas...".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta