O eucalipto: unha especie foránea que deixa montes queimados e rendementos económicos

Non conta cunha figura legal, o que favorece que continúe a propagación dos incendios forestais ao non poder regularizar nin definir o territorio de plantación. Unha investigación destaca que non é recomendable seguir coas políticas de actuación vixentes, xa que Galicia "cometería o risco de converterse nun territorio de monocultivo forestal de eucaliptais".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O debate sobre os beneficios e prexuízos do eucalipto, así como a súa categorización xurídica, non é novo. De feito, desde hai 25 anos ningún goberno galego, nin partido político se puxo de acordo para tentar regularizar unha especie, que ninguén quere categorizar, e que axuda a propagar incendios que acaban con milleiros de hectáreas queimadas. Con todo, o eucalipto tamén ten unha importante relevancia económica para o sector forestal galego. De aí, a dificultade de chegar a acordos sobre a regulación xurídica dunha especie tan controvertida.

“Cabe alegar que é necesaria unha limitación do eucalipto, xa que é unha sustancia pirófita, o que fai  que os incendios sexan máis propensos a extinguirse en grandes extensións desta especie.Por iso, é preciso que en Galicia se tomen medidas que freen a expansión respecto desta especie”. É unha das afirmación que realiza a investigadora da Universidade da Coruña Marta Lamigueiro Durán, nun artigo publicado recentemente na revista Actualidad Jurídica Ambiental.

Baixo o título “El eucalipto: una especie jurídica controvertida. La respuesta del derecho en Galicia”, Lamigueiro analiza a situación xurídica desta especie a nivel galego, estatal e europeo e destaca as dificultades que existen para tentar buscar unha figura legal para o eucalipto. En parte, a situación ten que ver coa potente industria forestal que hai en Galicia e que supón un dos maiores ingresos para as zonas rurais.  “Resulta paradoxal que o Plan Forestal galego date de hai máis de 25 anos e que non sexa aprobado por cuestións  meramente políticas nunha Comunidade Autónoma onde é patente a necesidade dunha regulación unificada e actualizada en materia forestal”, sinala.

ESPECIE EXÓTICA

Entre as conclusións da súa investigación están que o eucalipto é unha especie exótica, xa que a súa  orixe na Península bérica non foi dada por causas naturais e provoca un impacto no ecosistema. E, iso, a pesar de que constitúe o produto forestal máis abundante de Galicia debido ao seu gran rendemento  económico.  “Non podería cualificarse dentro da categoría de especies naturalizadas introducida polo Proxecto  de Lei   7/2018,  de 20 de xullo, de modificación da Lei 42/2007, de 13 de decembro, de Patrimonio Natural e da Biodiversidade, por mor de que as súas características biolóxicas producen  dito  impacto, a pesar de que cumpra cos restantes requisitos esixidos para esta cualificación”.

Así, destaca que é unha especie  con potencial invasor, o que fai que actualmente non se tome  ningunha medida para a súa limitación. “A pesar de que sería un erro prohibir totalmente as plantacións  de eucalipto, tanto polas grandes  superficies coas que  conta esta especie en Galicia como pola rendibilidade económica que supón respecto ao mundo rural, non é recomendable seguir con as políticas de actuación vixentes, xa que a nosa Comunidade Autónoma cometería o risco de converterse nun  territorio de monocultivo forestal de eucaliptais”, apunta.

Por iso, e aínda que recoñece que non se pode prohibir esta especie polo gran impacto que suporía, si aposta por tomar diversas medidas para a súa limitación, así como fomentar outras actividades non só encamiñadas á talla de madeira,  senón a potenciación de diversos aspectos  da industria.  “A través de a información á cidadanía e dun cambio das políticas forestais, a nosa Comunidade Autónoma  poderíase ver envolvida nun cambio na industria madeireira”, argumenta.

IMPORTANCIA ECONÓMICA

Con todo, a investigadora tamén recoñece a importancia económica desta especie. Actualmente, a superficie española ocupada por eucaliptos é dunhas 760.000 hectáreas,o que representa algo máis do  7%  da superficie  mundial de eucaliptos, deles, a maior parte en Galicia.  A industria madeireira galega xera uns 20.000 postos de traballo, ao redor do 3,5% do PIB e o 10% do seu VAB.  “O  eucalipto  é  importante,  pois  ten  un  papel  central na vida económica de moitas contornas rurais en Asturias e Galicia e, por iso, esta especie si conta cun especial interese socioeconómico”, indica.

Por iso, a tensión entre desenvolvemento económico e medio  ambiente e constante pero “debe existir  un certo equilibrio e terse en conta os principios de cooperación, colaboración e coordinación entre as   distintas  Administracións Públicas”, recolle a investigadora que recoñece as “colisións”  entre o dereito constitucional a un medio  ambiente  digno, con outros dereitos  constitucionais, como  o  desenvolvemento  económico. “Debe alcanzarse un equilibro entre ambos os bens xurídicos protexidos: a única forma perpetua de desenvolvemento económico é a coñecida como desenvolvemento sustentable”, engade

Neste sentido, critica que non haxa acordo para un novo Plan Forestal, o que causa unha “situación de incerteza xurídica que non resulta beneficiosa a un territorio cunha  produción  neste  sector  tan  elevada.  E tamén, que non haxa acordo nunha especie que é o principal combustible dos centos de  incendios forestais que sofre o país.  “Por iso, é necesario o seu tratamento especial neste territorio,  con instrumentos lexislativos e políticos que regulen separadamente este tipo de casos, obtendo así unha mellor resposta en materia de prevención de incendios forestais”, suliña a investigadora.

Marta Lamigueiro Durán recibiu o pasado xuño o segundo Premio de Sustentabilidade da Universidade da Coruña polo traballo titulado “Patrimonio forestal sostible en Galicia, o eucalipto”.

Membro do equipo de extinción de incendios loitando contra o gran lume de Rianxo e Dodro
Membro do equipo de extinción de incendios loitando contra o gran lume de Rianxo e Dodro | Fonte: M.N.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta