Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2020 | Actualizada ás 22:15
"Un biombo e unha toalla con lixivia no chan". Esa sería toda a separación entre enfermos de covid e persoas ingresadas con patoloxías comúns no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. A denuncia vén de ser feita pública pola Federación de Sanidade de CCOO, que acusa á xerente da área sanitaria en cuestión, Eloísa Núñez, curmá do presidente galego, de "poñer en risco a saúde do persoal e do resto da poboación" do CHUS.
A circunstancia nomeada estaríase a dar, de xeito concreto, na cuarta planta do complexo hospitalaria compostelá, que segundo denuncia CCOO acolle tanto enfermos de covid como persoas con patoloxías alleas á pandemia. Esta circunstancia, que persiste "tras case unha semana, supoñería varios incumprimentos legais: tanto do Plan de reactivación de asistencia hospitalaria do Sergas como do plan de prevención de riscos da propia área sanitaria.
Este último, sosteñen fontes de CCOO, indica que deben formarse grupos de traballadores para evitar a rotación de persoal entre unidades covid e non covid, un precepto que se estaría a infrinxir na cuarta planta do CHUS. "Un día atenden doentes que deron positivo e ao día seguinte os que deron negativo nas probas".
Por riba, a circunstancia actual do CHUS estaría a supoñer tamén un incumprimento do plan do Sergas, que recolle a obrigatoriedade de manter áreas diferenciadas para doentes COVID e non COVID. O centro dependente de Eloísa Martínez, pola contra, cínguese a separar ambos espazos "cun biombo e unha toalla con lixivia no chan".
CRÍTICAS Á "IRRESPONSABILIDADE" DA XERENTE
Ante esta denuncia, CCOO culpa da circunstancia "insólita" á xerencia do Sergas, comandada pola curmá do Presidente da Xunta, Eloísa Núñez. "Resulta unha clara irresponsabilidade que a Xerencia incumpra os seus propios protocolos, así como as directrices do Sergas, e expoña o persoal e o conxunto da poboación a un risco innecesario e evitable", defenden.
Por outra parte, o sindicato tamén critica que a xerenta permita que as ratios de pacientes COVID por persoal de enfermaría sexan "maiores agora ca nos meses de marzo, abril e maio". "CCOO non atopa xustificación, xa que non houbo ningún cambio de protocolo que sustente unha situación deste tipo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.