Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2020 | Actualizada ás 18:13
A Axencia Galega de Emerxencias activou, da man dos Bolechas, unha web con material lúdico e didáctico orientada a nenos para favorecer en bo uso do número 112.
Deste xeito, informou a Xunta, alumnos e mestres poderán descargar unidades didácticas e participar en xogos e actividades que lles permitirán aumentar os coñecementos e habilidades para realizar unha chamada efectiva ao servizo de atención telefónica.
Mediante esta ligazón, ao que se pode acceder desde a web da AXEGA, ponse a disposición da comunidade educativa material útil para o traballo na aula ou en casa sobre os conceptos e destrezas coas que se pretende profundar na necesidade de usar de forma racional e responsable o número único europeo 112, mediante a identificación das situacións nas que a intervención dos equipos de axuda é vital.
Entre as actividades que se poden ver nesta web, destacan as unidades didácticas sobre como identificar unha emerxencia, como facer que a chamada ao 112 sexa áxil e efectiva, como se organiza a atención telefónica de emerxencias en Galicia e os recursos de intervención dispoñibles. Ademais, inclúese material para a aprendizaxe dos primeiros coidados cando a situación non require de medios especializados, así como cal debe ser o comportamento do alertante e medidas de protección ante emerxencias de risco vital.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.