Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/10/2020 | Actualizada ás 22:00
O Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA) é, segundo explican desde a Consellería de Medio Rural, “unha fundación dirixida por un padroado e protectorado formados por persoas vinculadas á Xunta”. O seu obxectivo é “dinamizar o sector agroalimentario galego”. Non obstante, en xullo de 2017 realizouse un rexistro da sede do CETECA en San Cibrao das Viñas, logo dunha denuncia anónima sobre presuntos delitos relacionados con malversación de fondos públicos. A día de hoxe a investigación segue aberta. “Levamos tres anos esperando que a Xunta dea explicacións do que pasa, cando a semana pasada (23 de setembro) foi declarar o xerente ao xulgado” di o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez.
INVESTIGACIÓN E DECLARACIÓNS
Ademais do xerente, Miguel Fernández, teñen declarado outras persoas vinculadas ao CETECA “mais non sabemos en calidade de que” di Antón Sánchez. En 2017 a Garda Civil presentouse na sede deste organismo do que “levaron material para investigar, mais todo estivo paralizado desde aquela ata o día 23 cando se chamou a declarar ao xerente” di Martín Seco, do PSdeG e membro da comisión de Agricultura do Parlamento. “Para nós está claro que se deu con algunha liña de investigación importante” sinala Seco.
“Parece ser que houbo un manexo estraño de 2 millóns de euros dos fondos europeos” sinala Xosé Luís Rivas, Mini, secretario da Comisión de Agricultura e parlamentario do BNG. “O CETECA sempre estivo baixo sospeita, foi un “chiringuito” montado para COREN”. O presidente da Comisión de Agricultura, o “popular” Daniel Vega, declara que “sobre o CETECA non vou dicir nada porque nin son xuíz nin sei nada sobre o caso”.
A Consellería de Medio Rural, pola súa parte, non se manifesta sobre este tema por ser un asunto que está en mans da Xustiza. “Pola nosa parte, amosamos o máximo respecto ás súas actuacións (da Xustiza). Consideramos que non procede interferir nelas emitindo xuízos paralelos ou de valor sobre as dilixencias”. Daniel Vega insiste pola súa parte en que a fiscalización dos diferentes organismos como CETECA, faina o goberno galego mediante xestores.
“O que para min non ocultan é o verdadeiro desmantelamento que está sufrindo a investigación pública por parte do PP” sinala Antón Sánchez. “Todos os movementos van destinados a crear estruturas con pouco control democrático para poñer os orzamentos públicos ao servizo de empresas privadas”. Este tipo de investimento, segundo Sánchez, estaría esquecendo a agricultura familiar que “necesita investigación pública”.
DESMANTELAMENTO DA INVESTIGACIÓN PÚBLICA
As palabras de Sánchez fan referencia a unha proposición non de lei presentada polo PP na mesma comisión de Agricultura. Daniel Vega, sen ser preguntado directamente sobre este asunto declara que “a proposición non de lei é a proposta de crear un centro público-privado que une a todos os centros de formación e de investigación”. A pretensión teórica é unir os diferentes centros mais “cada un no seu territorio”. Medio Rural insiste en que a creación desta fundación “servirá para impulsar o I+D+i no sector e non suporá a desaparición de ningún centro ou entidade, senón que estas se integrarán na devandita fundación, con total normalidade.”
Xosé Luis Rivas, sinala sobre a proposición non de lei do PP que “é unha operación de grande calado”, pois a finais da pasada lexislatura “puido verse o enfado dalgúns dos centros que pertencen á AGACAL (Axencia Galega de Calidade Alimentaria), en concreto o CIAM de Abegondo”. Rivas considera que o enfado é produto dunha política encamiñada ao desmantelamento da investigación agraria. “Aqueles órganos que fixeron un traballo de transferencia científica, por exemplo, na revolución do leite, como foron os axentes de extensión agraria, oficinas agrarias e o centro de Abegondo”.
“O gran drama é que non hai relevo xeracional para estes investigadores e os últimos balóns de osíxeno déronselle no bipartito” di Rivas. Daniel Vega ve detrás destas afirmacións un discurso puramente ideolóxico. “Aquí non hai recorte ningún, durante o bipartito había moito chiringuito creado mais arredor de, non dentro dos propios centros de investigación” puntualiza Vega. Ademais pon un exemplo co centro de formación agraria “Pedro Murias” en Ribadeo. “Durante o bipartito, cero alumnos, agora trece alumnos”.
REORGANIZACIÓN?
A proposta do PP para unha reorganización dos centros de investigación faise dous anos despois de crear o AGACAL. Unha axencia constituída como “instrumento básico de actuación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos”. Curiosamente “o CETECA non entrou na AGACAL porque non se lle quería coartar o funcionamento” di Antón Sánchez, que sinala o CETECA como un couto privado para os intereses do PP e que, indica Sánchez, lideraría a nova fundación.
Hai quen vai máis alá e apunta que o Centro Tecnolóxico da Carne é un instrumento “ao servizo de Coren”, a empresa alimentaria. Medio Rural, preguntado por esta cuestión, apunta que “se temos en conta que Coren é unha industria de referencia no eido agroalimentario da provincia de Ourense en particular e de Galicia en xeral, semella normal que exista unha relación fluída con esta cooperativa”. Tamén sinalan desde a Consellería que “ non podemos compartir a afirmación de que esa relación vaia “en detrimento do desenvolvemento de novas posibilidades agrarias e gandeiras”.
A investigación sobre a presunta malversación de fondos públicos no CETECA continúa, mais baixo secreto de sumario. Polo momento, o PP propón crear unha fundación que reúna baixo o seu manto os diferentes centros de investigación agraria. Os grupos da oposición ven unha manobra “mercantilista” como apunta Martín Seco do PSdeG. Por outra parte, a fundación nacería nun momento en que se acusa de falta de relevo e investimento nos diferentes centros de investigación agraria, algúns con máis de corenta anos.
As sospeitas da oposición xiran arredor de que eses centros, agora case desmantelados para a oposición e todo o contrario para o PP, acabarían sendo dirixidos desde o CETECA, órgano a quen a oposición acusa de falta de transparencia, opacidade nas contas e de ser un órgano pouco democrático.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.