Por galdo1950 (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/) | GC ABERTO | 04/10/2020
Antes do referendo constitucional de 1978 que referendou o actual modelo de estado houbo decisións políticas que foron fundamentais para a lexitimación popular da Monarquía
Concretamente a comparecencia que o 16 de abril de 1977 fixo Santiago Carrillo e a plana maior do seu partido, diante os medios de comunicación para anunciar que desde as filas comunistas aceptábase o novo ordenamento político do país, tanto no relativo á bandeira vermella e gualda como demais símbolos do Estado, e na que engadía ademais que o PCE recoñecía ao Rey como tal, dándose o paradoxo que ese pronunciamento dábase un par de anos despois de incluír a imaxe do monarca na portada do clandestino Mundo Obreiro correa de transmisión do partido, onde lle adxudicaba o papel de marioneta de Franco.
Desde entón, en todas as proclamas e manifestos desde o PCE non aparece mención algunha ao restablecemento da República como esixencia para a recuperación da democracia, denotando con iso que pesaba máis o medo á súa exclusión do novo escenario político que a súa fortaleza ideolóxica
Pero a despreocupación comunista pola República é moito anterior ao hipotético cambio de réxime, pois desde 1956 no exilio non consta referencia algunha que sitúe á mesma como parte do seu obxectivo inmediato, máis ben co paso do tempo percíbese unha renuncia tácita que chega ao extremo de facela invisible coa postulación daquel “cambio político”.
Resultando por tanto probado que en contrapartida á súa legalización como partido non dubidaron en facer renuncia expresa daquela República que xa tiñan aparcada, como así indica o seu total acordo co parágrafo terceiro do artigo primeiro da nova Constitución, que establece a Monarquía parlamentaria como forma política do Estado; sendo especialmente enérxica a defensa sobre a coroa feita por Jordi Solé-Tura, que como relator constitucional dos comunistas, non dubidou en defender que a liña divisoria principal estaba entre a democracia e os seus inimigos, para engadir a continuación que "querer a República, hoxe, con todas as súas consecuencias, significa loitar por derrocar a Monarquía".
Pero se por aquel entón a Monarquía Juancarlista atopou un defensor insospeitado no emblemático dirixente do PCE, catro décadas despois as camadas de substitución formadas na Unión das Mocidades Comunistas, defenden unha pulsión republicana que parece estar a gañar peso entre a sociedade maiormente oposta á continuidade dun réxime cada vez máis deteriorado e discutido.
Un desapego popular que se mantivo inclusive tras a abdicación en favor de Felipe VI en xuño de 2014, e fixo que o CIS, centro de estudos sociolóxicos, ante o negativo resultado das enquisas decidise en abril de 2015 suspender as preguntas sobre a monarquía , última vez que a cidadanía foi consultada, o que non fai máis que arroxar dúbidas sobre unha percepción que se intúe negativa, agravada coa espantada protagonizada polo rei emérito tras o episodio da súa presunta corrupción actualmente en mans da fiscalía.
A Monarquía gañou o seu descrédito por mérito propio, e é por iso que serán inútiles todos os esforzos por soster os alicerces da institución como garante da actual forma de goberno, ou levantar unha devasa para salvala.
Non sendo de recibo por tanto asociar a percepción da «República» co desconcerto e o caos, en interesada rivalidade co outorgamento de exemplaridade e virtuosismo dedicado á «monarquía parlamentaria », pois tal proceder é unha arbitrariedade utilizada coa intención de sustentar tendencias preestablecidas, aínda cando a realidade dos feitos pinta xusto ao revés, por canto as veciñas repúblicas da nosa contorna próxima, como Portugal, Italia, Francia ou Alemaña nada teñen que envexar en estabilidade aos réximes monárquicos dos países do norte.
Sendo contrastable que os presidentes da república achegan maior consistencia e solidez ao desempeño da actividade política, aspecto que sumado ao cúmulo de despropósitos que acompañan o turbio proceder da casa real reforza a ruptura cunha Monarquía que pola súa perniciosa deriva non pode ofrecer máis que pobreza, inxustiza e corrupción.
Agora ben tampouco é sustentable que esa esquerda que se fai chamar antimonárquica tente alcanzar a súa meta patrocinando a Constitución do 78 como pedra angular do seu obxectivo, cando é farto sabido que o seu contido é quen referenda a condición xerárquica da coroa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.