En Galicia non opera ningunha mafia de ocupación organizada de vivendas, segundo o Goberno

Javier Losada e Fernando Suanzes consideran que a lexislación actual é suficiente para actuar ante estes casos.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 06/10/2020 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e o fiscal superior na Comunidade, Fernando Suanzes, acordaron potenciar as comisións provinciais de coordinación da policía xudicial para abordar os casos de ocupación ilegal de inmobles. Neste encontro, Losada suliñou que non hai constancia da existencia de grupos organizados adicados á ocupación de vivendas.

Así o informa a Delegación do Goberno tras a reunión que ambos os representantes mantiveron na sede deste organismo. A ela, asistiron tamén o fiscal da Audiencia Provincial da Coruña, Javier Rey; a xefa do gabinete técnico da Delegación, María Rivas; e a vicesecretaria xeral da Delegación, Eva Vázquez.

Durante o encontro abordaron as cifras de ocupacións ilegais, "que en 2019 supuxeron apenas un 0,16% do total das infraccións penais rexistradas en Galicia, con 129 casos entre 80.288". Nese contexto, tanto Javier Losada como Fernando Suanzes consideraron que a lexislación actual é "suficiente para actuar" e sostiveron que as recentes instrucións do Ministerio do Interior e da Fiscalía nese sentido "compleméntanse, son útiles e permiten mellorar a resposta a estes casos".

Por ese motivo, precisa a Delegación do Goberno, acordaron potenciar as comisións provinciais de coordinación da policía xudicial para resolver problemas concretos. "Nestes organismos existe unha combinación dos ámbitos xudicial e de seguridade que son idóneos para atopar solucións concretas", remarca.

MEDIDAS SOCIAIS

Na reunión, o delegado do Goberno trasladou ao fiscal superior de Galicia as medidas sociais adoptadas polo Executivo. En concreto, explicou o investimento de 44 millóns de euros dos ministerios de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico en materia de vivenda en Galicia durante a pandemia.

O delegado do Goberno, Javier Losada, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, manteñen unha reunión sobre a ocupación ilegal de inmobles. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno, Javier Losada, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, manteñen unha reunión sobre a ocupación ilegal de inmobles. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Tamén analizaron, como fixo o delegado do Goberno a semana pasada cos mandos da Policía Nacional e a Garda Civil en Galicia, o 'Protocolo de Actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na ocupación ilegal de inmobles', que se inclúe na Instrución 6/2020 da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior.

PROTECCIÓN Ás VÍTIMAS

Ademais, tamén dita medidas para protexer ás vítimas e favorecer a resolución xudicial do conflito, a restauración ao seu lexítimo dono do inmoble achandado ou usurpado e a reparación dos danos causados.

Así mesmo, o protocolo reforza as accións encamiñadas a evitar a aparición ou consolidación de grupos criminais dedicados á usurpación de vivendas con diferentes fins, entre os que figura o alugalas ou vendelas a terceiros de maneira fraudulenta.

"En Galicia non hai constancia da existencia de ningún tipo de mafia destas características", sinala a este respecto a Delegación do Goberno, que lembra que, desde setembro, a aplicación para móbiles ALERTCOPS inclúe unha funcionalidade específica para que un caso de ocupación ilegal de inmobles poidan notificarse de forma inmediata a Policía Nacional e Garda Civil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta