Prosegue a investigación do incendio no chalé de Rosario Porto, un caso "complexo"

As chamas declaráronse na madrugada do pasado domingo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2020 | Actualizada ás 10:07

Comparte esta noticia

A Policía Xudicial da Garda Civil prosegue a investigación para esclarecer o incendio que calcinou a parte baixa da vivenda de Teo A Coruña onde en setembro do ano 2013 foi asasinada a nena Asunta Basterra Porto. Así o informaron a Europa Press fontes próximas ás pescudas, que comentaron que, como noutros incendios, trátase dunha investigación "complexa".

As chamas declaráronse ao fío das 3,00 horas da madrugada do pasado domingo día 11 e calcinaron parte do inmoble, situado na zona de Póboa. Esta casa é propiedade de Rosario Porto, condenada xunto ao seu exmarido Alfonso Basterra a 18 anos de cárcere polo asasinato da súa filla Asunta, que tiña 12 anos cando morreu.

Segundo os feitos probados nunha sentenza ratificada polo Supremo, Asunta faleceu o 12 de setembro no chalé de Teo propiedade da súa nai, quen trasladou o cadáver a unha pista forestal na que foi atopada horas despois por un veciño da zona.

O xurado popular do xuízo celebrado dous anos despois determinou a culpabilidade dos proxenitores, que urdiron un plan conxunto para acabar coa vida da menor, á que forneceron sedantes desde tres meses antes da súa morte. Ambos permanecen en prisión, Alfonso Basterra no centro penal de Teixeiro (A Coruña), e Rosario Porto en Ávila, onde foi trasladada na primavera deste ano.

Na mañá do pasado domingo 11 de outubro, membros da Garda Civil desprazáronse á casa de Teo para tomar mostras e abriron unha investigación que leva a cabo a Policía Xudicial para esclarecer as causas do incendio.

Portal da vivenda de Teo (A Coruña) onde ocorreu o asasinato de Asunta Basterra en setembro de 2013.
Portal da vivenda de Teo (A Coruña) onde ocorreu o asasinato de Asunta Basterra en setembro de 2013. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta