A Xunta insiste en manter o actual fuso horario

Chama a adoptar medidas de eficiencia enerxética para potenciar o aforro que permite o cambio de horario.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 23/10/2020 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

A Xunta non está pola labor de cambiar o fuso horario galego e adaptalo a súa latitude, que coincide coa de Reino Unido, Irlanda ou Portugal, que teñen unha hora menos. Así, e ante o inminente cambio de hora de inverno, que se produce este venres, chamou a adoptar medidas de eficiencia enerxética para potenciar o aforro que permite o cambio de horario.

Un home move a manecilla do reloxo para cambiar a hora. Jesús Hellín - Europa Press
Un home move a manecilla do reloxo para cambiar a hora. Jesús Hellín - Europa Press

Nun comunicado, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente do Goberno galego, destacou que a adopción do horario de inverno pode permitir alcanzar un aforro do 1% en enerxía destinada á iluminación no ámbito doméstico, así como do 3% no sector servizos. Así, a diminución do consumo eléctrico total a nivel autonómico podería representar case un 0,4%.

Para alcanzar este potencial de aforro, o Inega sinalou a necesidade de realizar un uso "racional e responsable da enerxía", como utilizar a iluminación artificial cando sexa imprescindible, renovar xanelas para evitar as fugas de calor e optar por tecnoloxías de baixo consumo. O Inega asegurou que estas medidas, combinadas cunha correcta temperatura de climatización das vivendas, poden permitir reducir o consumo enerxético anual ata un 35% e evitar emisións contaminantes á atmosfera.

SEN ACORDO SOBRE OS CAMBIOS HORARIOS

En febreiro de 2018, a proposta de Finlandia, a Eurocámara votou sobre a posibilidade de terminar co cambio de hora. A pesar de recibir 384 votos en contra e tan só 153 a favor, o Parlamento Europeo comprometeuse a estudar a viabilidade do cambio de hora e abriu unha consulta pública, na que máis do 80% dos 4,6 millóns de cidadáns que participaron, mostráronse a favor de acabar cos cambios de hora.

Aínda que a Comisión Europea aprobou a eliminación do cambio de horario, en marzo deste ano a comisión de Transporte e Turismo do Parlamento Europeo apostou por atrasar ata o ano 2021 a eliminación do cambio de hora bianual proposto pola Comisión Europea para abril deste ano, de forma que as capitais tivesen máis tempo para decidir se o país queda co horario de verán ou o de inverno. Países como Portugal xa decidiron que continuarán co cambio de hora estacional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta