Pemex (III): a ‘caixa chica’ de políticos e paraíso de sindicalistas corruptos

Terceira e última achega da serie de artigos de análise sobre o novo dono de Barreras. Petróleos Mexicanos é considerado a "caixa chica" de políticos daquel país. O seu sindicato recibe ademais millóns de euros para dispendios, impón a contratación dos seus traballadores a navieiras privadas e o seu secretario xeral é acusado de nepotismo.

Por Alberto Quian | Vigo | 20/05/2013 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Pemex, fundada en 1938, é a maior empresa de México e a petroleira máis grande de América Latina. Está controlada polo Estado mexicano baixo un réxime constitucional e é símbolo do nacionalismo mexicano e do paternalismo do Estado, polo que calquera mínima insinuación ou idea de privatizar a paraestatal sempre xenerou controversia no país azteca. Só hai que recordar as palabras do anterior presidente mexicano, Felipe Calderón Hinojosa, para entender o simbolismo da paraestatal: "Quero deixar claro que o petróleo é e seguirá sendo propiedade exclusiva de México. Pemex non se privatiza. O petróleo é un símbolo da soberanía da nación". 

Asteleiros Barreras, que pasarán a mans de Pémex
Asteleiros Barreras, que pasarán a mans de Pémex | Fonte: economiadigital.com

Porén, en documentos publicados por WikiLeaks en 2012 descubriuse que o Goberno mexicano estivera negociando en segredo abrir as portas de Pemex a compañías internacionais, segundo afirmacións de Georgina Kessel –a primeira secretaria de Enerxía do goberno do presidente Felipe Calderón Hinojosa– ao exembajador de Estados Unidos en México Carlos Pascual, recollidas polo propio diplomático nun despacho ao Departamento de Estado de Estados Unidos. Os documentos revelados por WikiLeaks poñían ao descuberto que o goberno de Felipe Calderón mantivera un dobre discurso, un en público radicalmente oposto ao negociado nas reunións privadas coa súa contraparte.

A industria petroleira mexicana está dominada por Pemex, que ten o monopolio absoluto sobre a exploración e produción de petróleo e gas nacionais, así como a refinación e comercialización de petróleo e produtos derivados deste. Hoxe, México é o oitavo produtor de petróleo do mundo; porén, este país foi perdendo posicións nos últimos anos pola caída incesante na súa produción dende o ano 2004, cando ocupaba o quinto posto mundial, e pola decadencia das súas reservas.

Ademais, as aportacións da paraestatal aos orzamentos do Estado son fundamentais para a economía mexicana, xa que representan entre o 35% e o 40% dos orzamentos estatais, e das súas caixas saíron inxentes cantidades para financiar campañas presidenciais.

Por todo isto, Pemex foi obxectivo prioritario nos últimos anos dos cárteles da droga, ademais de ter inoculada a corrupción na súa estrutura, dende a súa base laboral até altos cargos.

Estación de Pemex
Estación de Pemex | Fonte: Travis S. en Flickr

Mais a pronunciada caída da súa produción, a ineficiencia do seus xestores, as perdas millonarias e unha descomunal débeda de 48.000 millóns de euros puxeron a Pemex nunha situación de creba técnica que compromete o futuro inmediato da paraestatal.

O control político

Creada despois de que o presidente Lázaro Cárdenas nacionalizara a industria mexicana do petróleo no ano 1938, as aportacións de Pemex á Administración mexicana representan entre o 35% e o 40% dos seus orzamentos anuais.

A compañía foi tratada como unha galiña de ovos de ouro polos sucesivos gobernos, pero especialmente durante os 71 anos de goberno ininterrompido do PRI, que chegou mesmo a canalizar decenas de millóns de euros en fondos de Pemex para a súa fallida campaña presidencial do ano 2000.

A decadencia de Pemex levou aos seus xestores e á clase política que domina este imperio petroleiro a replantexar a súa estratexia de cara a súa supervivencia as próximas décadas, da que depende non só a economía mexicana, senón tamén os dispendios políticos e sindicalistas.

Na segunda metade de 2011, a paraestatal iniciou un cauto proceso histórico de apertura a empresas privadas coa asignación dos primeiros contratos de exploración e produción de petróleo. Deste xeito, o Estado mexicano buscou elevar os seus debilitados niveis de produción. Así, Pemex foi recollendo os primeiros froitos da leve reforma enerxética aprobada en 2008 polo Congreso mexicano que lle permite á paraestatal flexibilizar a súa estrutura de contratacion sen por iso deixar de estar en mans do Estado. Con todo, isto fixo aflorar de novo os sentimentos nacionalistas. Por exemplo, a secretaria da Comisión de Enerxía mexicana, a deputada Laura Itzel Castelo Juárez, asegurou que os contratos que outorgara Petréleos Mexicanos a empresas privadas en campos petroleiros de Tabasco "violentaban" a Constitución e representaban unha "regresion para o crecemento do país".

GC tivo acceso a un correo do 22 de setembro de 2011 entre membros da axencia de intelixencia global Stratfor, no que o seu analista Benjamin Preisler remitía as consideracións das súas fontes en México. Estas describían a Pemex como unha empresa que está absolutamente dominada pola Secretaría de Facenda do país azteca. Stratfor buscaba coñecer máis a fondo as relacións entre as cúpulas de Pemex e as do Partido Revolucionario Institucional (PRI) e do Partido Acción Nacional (PAN). No correo adiantábanse algunhas das claves da nova estratexia da paraestatal:

"É moi importante que teña en conta a importancia económica de Pemex. O 35% dos ingresos fiscais do Goberno mexicano veñen de Pemex. Isto significa que o grupo de control de Pemex sempre é o da Secretaria de Facenda. Asi foi en tempos do PRI e segue sendo en tempos do PAN. As grandes decisións veñen de Facenda ou teñen que ser aprobadas por Facenda. A xustificacion é que é prioritario non poñer en risco as finanzas públicas. Sendo un ente tan complexo, o tema non se esgota aí. O sindicato, que ocupa cinco lugares no consello de administracion, é priísta. Ten unha relacion de colaboracion-confrontacion coa administracion. Colabora porque lle interesa que Pemex xere ingresos que lle permitan seguir muxindo a vaca. Confronta porque a súa vision de Pemex se opón a calquera intento de apertura ao sector privado da empresa. O PAN ten a posibilidade de colocar algúns cargos importantes no persoal administrativo non sindicalizado. Son propostos polo presidente e, en teoría, deberian cumprir un perfil técnico-administrativo, pero iso non ocorre sempre. Nun ano electoral (2012), é posíbel que os funcionarios de confianza actúen máis como panistas que como funcionarios profesionais. As reformas a Pemex non se intentarán en 2012. O escenario electoral fará que a axenda lexislativa sexa moi conservadora. Ninguén abordará temas polémicos. O director Suárez Coppel, que ten visión empresarial, tentará facer cousas que estean dentro do marco do permitido. Quizá vexamos outra operacion audaz, como a de Repsol.

Sobre as reservas, as versións informais de Pemex dinnos o contrario. Hai descubrimentos interesantes que poderían levar as reservas probadas e probábeis a niveis mellores dos que se tiñan ao comezar o sexenio, en 2006".

Non ía desacertado o analista nas súas previsións, xa que Pemex concretou a finais de 2012 e inicios de 2013 talvez a súa operación máis audaz: facerse co 51% da maior factoría naval privada de Galicia por un prezo irrisorio: Hijos de J. Barreras.

Uns meses antes, en marzo de 2011, a analista de Stratfor Araceli Santos remitía outro correo no que informaba dunhas declaracións do entón presidente mexicano para defender a xestión política de Pemex, zarrapicada pola corrupción.  Durante a 73ª conmemoración do aniversario da expropiación da petroleira mexicana, o presidente Felipe Calderón declarara que Pemex "non é a 'caixa chica' de ninguén e non pertence a ningún goberno, partido político ou facción, senón ao ao pobo mexicano", informaba Santos, quen aportaba declaracións do ex-presidente mexicano: "Estámonos asegurando de que Pemex opera en conformidade coas normas internacionais de transparencia e rendición de contas, polo que non pode haber máis contas segredas, non máis caixas chicas nesta empresa que pertence a todos os mexicanos".

Parte dos documentos revelados por WikiLeaks sobre Pemex, datados entre marzo de 2006 e xullo de 2008, demostran que o entón responsábel das finanzas da paraestatal, Juan José Suárez Coppel, negociou en segredo unha reforma da petroleira para procurar a apertura ao investimento estranxeiro para que Pemex puidese traballar de xeito independente. A proposta detallada nos cables da diplomacia estadounidense advertían da substitución de secretarios pertencentes ao consello de Pemex por analistas e especialistas en enerxía e finanzas. Negociacións nas que tería a aprobación do Partido da Revolución Democrática (PRD), encabezado polo seu entón candidato presidencial Andrés Manuel López Obrador, para o ingreso de inversionistas estranxeiros na paraestatal para realizar traballos de exploración en augas profundas. O obxectivo era resarcir con capital estranxeiro a descomunal débeda da paraestatal.

Nun dos cables publicados por WikiLeaks detállase unha reunión a finais de agosto de 2007 entre o entón subsecretario de Facenda mexicano, Alejandro Werner, e o asistente do Departamento de Economía estadunidense, Daniel Sullivan, na que se falou de Shell, ExxonMobil, British Petroleum, Halliburton e Schlumberger como os posíbeis inversionistas estranxeiros en Pemex. Os cables recollían unhas declaracións de Felipe Calderón en 2008 nas que advertía que era "necesario o investimento estranxeiro para salvar a Pemex”, ao que a Embaixada de Estados Unidos comentou que "malia o rescate que se logre acordar para Pemex, este non será suficiente”.

Varios dos cables filtrados por WikiLeaks apuntaron á debilidade financeira de Pemex, derivada do seu alto endebedamento, o cal abriu a opción a explorar "novos métodos de contratación" con empresas privadas foráneas.

Un sindicato corrupto

O Sindicato de Trabajadores Petroleros de la República Mexicana (STPRM) é un brazo armado dos políticos. O seu secretario xeral, Carlos Antonio Romero Deschamps, é senador polo PRI e é acusado de corrupción e dispendios millonarios. “É un sindicato secuestrado, secuestrado por Carlos Antonio Romero Deschamps. Ese señor non foi elixido pola clase traballadora, foi imposto con fins partidistas, con fins políticos", vén denunciando nos últimos tempos Omar Toledo Aburto, disidente do sindicato.

O STPRM desenvólvese na opacidade. Así, por exemplo, en abril de 2011, a analista de Stratfor Araceli Santos avisaba á axencia de intelixencia global estadounidense de que Pemex estaba ofrecendo "cifras contraditorias sobre o número de traballadores sindicalizados inactivos".

"De acordo coa información publicada por Pemex en resposta a unha petición para a liberación da súa información, entre xaneiro de 2007 e maio de 2009, un total de 1.666 traballadores sindicalizados e 262 membros das tripulacións dos buques de Pemex se mantiveron inactivos. Porén, o membro do consello profesional de Pemex Fortunato Álvarez declarara anteriormente que case 5.000 dos 11.500 traballadores de Pemex inactivos identificados en 2006 aínda non foran asignados a ningunha actividade, incluíndo persoal da planta petroquímica e das tripulacións dos buques que xa non operaban. Mentres tanto, o director xeral de Pemex, Juan José Suárez Coppel, declarou que 2.200 traballadores permaneceron inactivos e o departamento de recursos humanos da compañía reduciu aínda máis estas cifras. Suárez Coppel explicou que a empresa e o sindicato de traballadores do petróleo están revisando este asunto caso por caso, co fin de determinar se deben ser reasignados, xubilados ou despedidos os traballadores inactivos", explicaba a analista.

En agosto de 2011, Araceli Santos tamén informaba á axencia Stratfor de que "os armadores estranxeiros son obrigados a contratar empregados de Pemex". Santos subliñaba que ao amparo da cláusula 203 do contrato colectivo de traballo, as navieiras privadas deben aceptar entre as súas filas a empregados de Pemex como parte das súas tripulacións. En virtude desta cláusula, "as empresas privadas teñen que contratar a membros do Sindicato de Trabajadores Petroleros de la República Mexicana en varios postos se queren traballar con Pemex. A tripulación requerida nun barco de subministro vai de 14 a 17 persoas e o sindicato de Pemex proporcionaría entre 8 e 12 destes. A petroleira rexeitou comentar por que se aplica esta cláusula", explicaba a analista de Stratfor, quen engadía: "Representantes das compañías navieiras que gardan anonimato criticaron esta regra e comentaron que isto é tan absurdo como se as escolas privadas se visen obrigadas a contratar a funcionarios do Sindicato Nacional de Trabajadores de la Educación" de México.

Pemex sempre evitou facer comentarios sobre a aplicación deste tipo de cláusulas. Pola súa banda, empresas navieiras que solicitaron o anonimato aseguraron á medios mexicanos que a obriga de contratar a persoal do sindicato petroleiro colócaas en desvantaxe porque descoñecen se estes traballadores cumpren coas certificacións necesarias para o labor que realizarán. 

Festas, viaxes e dispendios

Recentemente, varios medios mexicanos denunciaron as festas millonarias que vén celebrando o sindicato petroleiro nos últimos anos. Só entre os anos 2006 e 2012, o Sindicato de Trabajadores Petroleros de la República Mexicana recibiu transferencias directas por uns 112 millóns de euros por parte de Pemex para sufragar, entre outros conceptos, as viaxes dos líderes sindicais e os festexos para conmemorar a expropiación petroleira e o desfile do 1 de maio, de acordo co estipulado nas cláusulas 251 e 251 bis do Contrato Colectivo de Traballo (CCT).

Este documentos foron obtidos polo xornal El Financiero e denunciados previamente por WikiLeaks. Nestes, desvélase que só para cubrir os gastos de viaxe de 68 membros do Comité Executivo Xeral do sindicato a paraestatal entregou nese período de tempo referido 11,34 millóns de euros.

A prensa mexicana denunciou que estes recursos —que actualmente ascenden a uns 169.000 euros mensuais— son entregados puntualmente por Pemex sen que os líderes sindicais teñan que xustificar o motivo ou destino deses cartos, tampouco comprobar os gastos nin dar conta das persoas que os realizan.

Entre 2006 e 2012 Pemex transferiu uns 15 millóns de euros ao sindicato petroleiro como "axuda" para a celebración de festexos como o anual que se celebra para conmemorar a expropiación petroleira ou para o desfile obreiro do 1 de maio, conmemoración esta última que non se celebra desde hai varios anos, malia o cal segue sendo sufragada.

Segundo El Financiero, "por concepto de gastos de contratación derivados das revisións anuais ao Contrato Colectivo de Traballo", Pemex entregou ao sindicato uns 44,5 millóns de euros desde o 1 de xaneiro de 2006 deica o 31 de decembro de 2012; unha cantidade por ano que a paraestatal transfire antes do inicio de cada revisión anual do Contrato Colectivo de Traballo e que nese tempo aumentou de 5,3 a 7,6 millóns de euros.

E baixo o concepto de "apoio económico directo ao Comité Executivo Xeneral" do sindicato petroleiro, Pemex entregou aos dirixentes sindicalistas uns 37 millóns de euros nese mesmo período.

A todas estas cantidades hai que sumar "o apoio económico para gastos de fomento para actividades deportivas e culturais" que vén aportando Pemex ao sindicato desde 2010, para as cales a empresa transferiu en tres anos ao sindicato uns 3,9 millóns de euros.

Millóns de cartos públicos dos que se descoñece en que ou como se utilizan por parte dos dirixentes sindicais.

Nepotismo no sindicato e vida de millonarios

Os sindicalistas de Pemex foron tradicionalmente os máis remisos á entrada de investimentos privados na paraestatal; non en van, os sindicalizados sempre gozaron de enormes privilexios e a súa cúpula vive a corpo de rei coma millonarios grazas á inxección que reciben de cartos públicos.

O caso máis chamativo e denunciado é o do fillo do líder sindical e senador priísta Carlos Romero Deschamps, quen vive a a todo luxo en Miami. José Carlos Romero Durán ten dous apartamentos en Miami Beach polos cales pagou 7,5 millóns de dólares, de acordo cos rexistros da propiedade. Un conta con 340 metros cadrados e foi comprado polo fillo de Romero Deschamps o 14 de decembro de 2005; o outro ten 530 metros e comprouno o 28 de marzo de 2006.

Ademais, Carlos Romero Deschamps regalou ao seu fillo un automóbil Enzo Ferrari, edición limitada do que só existen 399 unidades, valorado en preto de 2 millóns de dólares. Para poder comprar este modelo era necesario contar con cando menos dous Ferrari, demostrar solvencia económica, que o país onde vaia circular o vehículo conte cunha axencia automotriz da marca italiana, someterse a unha sofisticada proba de manexo e facer un só pago íntegro polo modelo.

A filla do do secretario xeral do sindicato, Paulina Romero, tamén vive entre o luxo e a opulencia: viaxes por todo o mundo en avións privados, comidas nos restaurantes máis exclusivos, noites nos hoteis máis caros, paseos en iates, as marcas de moda máis prestixiosas e luxosas...

Ademais, o diario Reforma denunciou que familiares de Carlos Romero Deschamps teñen contratos con Pemex que lles garanten traballo na paraestatal até o ano 2999 e reciben prestacións, malia que non traballan, e mesmo poden herdar eses postos a outros familiares. 

O futuro de Barreras

O obxectivo que persegue Pemex, a través do vehículo de investimento seleccionado, é transferir a mediano prazo o coñecemento tecnolóxico de Hijos de J. Barreras para crear capacidade construtora de buques especializados en México e así poder atender a demanda de Pemex e modernizar a súa envellecida frota. 

Para levar a cabo esa transferencia tecnolóxica, a paraestatal mexicana podería impor tamén a Barreras a contratación de empregados de Pemex no estaleiro vigués para formalos e levar a cabo os seus plans, o que reduciría dun xeito notable as expectativas de creación de emprego para os traballadores cualificados galegos. Ademais, ninguén desbota xa que esa transferencia tecnolóxica poda ser o paso para a deslocalización da empresa galega nun medio prazo e a estocada definitiva á industria navieira viguesa, se non se poñen en marcha estratexias que garantan a actividade dos estaleiros vigueses a longo prazo, unha vez que os mexicanos leven os recursos tecnolóxicos ao seu país.

Torre Pemex, sede central da empresa paraestatal mexicana
Torre Pemex, sede central da empresa paraestatal mexicana | Fonte: Eneas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 vantalin

Excelente xornalismo de investigación. Parabéns a Alberto Quián

2 Gamela

Fantástico traballo! Noraboa! Así que estamos a VENDER barato -coma sempre- o que somos e o noso futuro por un puñado de €uros!

1 Nemigo

ven a ser como o PP en versión texmex?