Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2020 | Actualizada ás 12:40
O Servizo de Gardacostas de Galicia requisou, en varios operativos desenvolvidos nos últimos días contra o furtivismo, máis de 570 quilos de peixe e marisco de procedencia ilícita, así como un vehículo, 750 útiles de pesca e 800 metros de artes de enmalle. Ao longo das últimas xornadas, segundo informa a Consellería do Mar este sábado, os axentes de Gardacostas realizaron varias operacións contra o furtivismo e a pesca ilegal en distintos puntos do litoral galego.
Así, na ría de Ferrol foron comisados máis de 340 quilos de peixe e marisco, 40 útiles de pesca, 540 metros de artes de enmalle e, mesmo, un vehículo, que foi requisado nunha acción conxunta de Gardacostas e Garda Civil na que foron identificadas dúas persoas que levaban no seu coche uns 95 quilos de vieira e dous equipos de submarinismo.
Na Coruña, a cantidade aprehendida foi de máis 100 quilos de marisco e uns 50 últiles, a maior parte nunha operación no pantalán de Oza, onde foron comisados 68 quilos de nécora, 17 quilos de lubrigante e 3 quilos de camarón, así como dez viveiros e tres salabardos.
Nas rías de Ares e Betanzos foron descubertos 11 quilos de marisco de procedencia ilícita, mentres que na Costa da Morte os controis saldáronse coa interceptación de 5 quilos de marisco, cantidade que se elevou a 28 nas accións desenvolvidas na ría de Muros e Noia.
Os axentes de Gardacostas tamén se despregaron os últimos días na ría de Arousa, zona na que foron comisados 47 quilos de peixe e marisco, ademais de 68 aparellos. En concreto, na Illa de Arousa, foron requisadas 30 nasas e máis de dous quilos de marisco, a maioría polbo que carecía da identificación necesaria.
Por último, na ría de Vigo as accións de control de Gardacostas saldáronse con 586 aparellos intervidos, dos cales, a maioría eran cacharros descubertos en Oia e que foron requisados por estar fóra da lexislación. Nesa mesma ría foron comisados 18 quilos de peixe e marisco, mentres que na de Pontevedra foron 15 quilos de varias especies do mar, ademais de 150 metros de artes de enmalle.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.