Unha avespa chinesa podería dezmar a produción de castaña en Galicia

O Sindicalo Labrego denuncia o "abandono" da Xunta ante esta e outras ameazas ó sector.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2020 | Actualizada ás 10:49

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) pediu este martes á Xunta axudas para o sector da castaña en Galicia e reclamou políticas activas que permitan facer fronte ao seu "declive" ano tras ano.

Nun comunicado, a organización agraria advirte de que a produción de castaña este ano podería caer sobre un 50% con respecto á do exercicio pasado. Unha situación que para o SLG non é "nada sorprendente" se se ten en conta a "pachorra" coa que, na súa opinión, a Consellería de Medio Rural afronta a maior crise do sector, a provocada pola avespa do castiñeiro.

"Á incidencia crecente dos ataques da Dryocosmus kuriphilus, este ano houbo que sumar unha seca xeneralizada e inclemencias meteorolóxicas --especialmente sarabia-- que arrasaron colleitas enteiras, ademais dunha alta incidencia do chancro", denuncia.

Ademais, sinala que a covid-19 tamén impactou de forma negativa neste sector, que ten na hostalaría, asadores e repostaría unha canle importante de comercialización. Así, apunta que empresas e cooperativas do sector están a ter "serias dificultades" para colocar o seu produto no mercado a pesar de caer a produción.

Estas cuestións, conforme sostén o SLG, tradúcense unha caída dos prezos e na ruptura dun importante elo na cadea comercial: as cooperativas e empresas que habitualmente compran castaña a particulares, deixaron de facelo ou diminuíron considerablemente as súas adquisicións.

A organización considera que a raíz desta crise radica no "abandono" do sector por parte das institucións responsables que, segundo indica, exprésase en cuestións como a "inexistencia" de liñas de axudas para facer fronte aos danos polas inclemencias meteorolóxicas.

Por todo iso, o SLG insta o departamento que dirixe José González a convocar unha liña de subvencións que permita "paliar" as "enormes perdas sufridas" polo sector na última campaña e que "chegue a todos os afectados da cadea de produción e comercialización da castaña".

Ademais, reclama políticas activas e suficientemente dotadas de recursos que garantan un estado sanitario óptimo dos soutos e, en especial, para afrontar con garantías a loita contra a avespa do castiñeiro.

Cesta de castañas. Foto: Marga Méndez
Cesta de castañas. Foto: Marga Méndez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Seria bom lhes perguntar a quem votárom. Seguro que a maioria de eles ao partido único PPSOE, pois bem tenhem o que elegêrom. A chorar no cemitério que onde se chora.