Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 21/11/2020 | Actualizada ás 20:15
O Concello de Pontevedra prevé a creación dun novo espazo de xogos infantís e un parque específico para cans no parque de Amalia Álvarez e as zonas adxacentes. Trátase dunha vella demanda que os propios veciños da Asociación da Eiriña lle transmitiron ao edil socialista Iván Puentes no marco dunha visita por diversas zonas verdes do barrio para analizar o seu estado de conservación e estudar posibles intervencións.
Ademais de pedirlle a dotación deste novo parque infantil e dunha parcela valada reservada para os cans, durante o encontro, no que o concelleiro estivo acompañado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontáns, os veciños tamén lle solicitaron un tratamento estético das medianeiras dos edificios que dan cara a este parque. “Non se trataría de intervir directamente sobre as medianeiras, senón dun tratamento vexetal, con árbores e outro tipo de plantas, que permitiría disimular a dureza visual desas paredes que dan directamente contra o parque de Amalia Álvarez”, explica Puentes.
Na reunión abordouse o ambicioso proxecto co que Desenvolvemento Sostible pretende abrir ao uso público e dotar dun novo parque a parcela de 5.500 metros cadrados existente sobre a pasarela da rúa 12 de Novembro, entre as rúas da Estrada e As Hortas. O concelleiro do PSOE anunciou que este plan, co que se dará continuidade á área recreativa da rúa José Adrio Barreiro, suporá un investimento de máis de 500.000 euros e permitirá dotar a zona Leste da cidade dun amplísimo espazo verde.
Os veciños plantexáronlle ao concelleiro de Desenvolvemento Sostible a posibilidade de que estes xardíns poidan bautizarse co nome da mestra e galeguista pontevedresa Daría González
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.