Acusan a Renfe de recortar as axudas a discapacitados nas estacións galegas aproveitando a pandemia

A CGT pide restituír o servizo de atención a viaxeiros con problemas de mobilidade, actualmente só dispoñible con cita previa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2020 | Actualizada ás 22:54

Comparte esta noticia

Proseguen as presións para devolver as infraestruturas galegas ao estado anterior á pandemia. O sector ferroviario de CGT en Galicia vén de dirixirse á Xunta de Galicia para pedirlle que restitúa o “servizo presencial de atención a viaxeiros con problemas de mobilidade”. Segundo destaca a formación, esta prestación foi deposta coa chegada do Estado de Alarma sen que fora recuperada para todos os usuarios coa ‘nova normalidade’.

Estación de tren de Santiago de Compostela. Renfe Ferrocarril. RENFE - Arquivo
Estación de tren de Santiago de Compostela. Renfe Ferrocarril. RENFE - Arquivo

Isto non significa, porén, que o servizo fora cancelado de forma total, xa que segue dispoñible para aqueles viaxeiros que o soliciten con antelación. Porén, e a diferencia do que acontecía a comezos deste ano, os usuarios de Renfe que non fagan reserva non poderán contar co apoio. En concreto, CGT afirma que as apuntadas carencias están a ter lugar nas estacións ferroviarias de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense e Vigo-Urzaiz. 

Segundo destaca o sindicato, a falta deste servizo “está a supoñer que persoas con problemas de mobilidade, anciáns e discapacitados”, entre outros grupos, “non teñen vagón baixo que facilite a subida e baixada o tren”. Esta circunstancia, sosteñen, fai que algúns deles “desistan de viaxar”, se vexan obrigados “a aprazar a viaxe” ou mesmo que “sufran algunha incidencia na subida ou baixada do tren”.

DIFICULTADES PARA CONCILIAR

No eido laboral, o sindicato fai fincapé nos efectos deste servizo “anticipado” sobre as condicións dos traballadores de Renfe. Segundo destacan, esta circunstancia está levando a que os profesionais contratados “teñan unha dispoñibilidade case total”, xa que deben de estar pendentes “durante case todo o día” ante a posibilidade de que se xera “algunha asistencia”. CGT destaca que estas circunstancias deixan os traballadores “sen poder conciliar vida laboral e familiar”.

Ante estas circunstancias, a formación vén de remitir un escrito á Consellería de Política Social, así como a os tres grupos parlamentarios do hemiciclo galego, para que estes insten ao Goberno a repoñer o "servizo presencial" de atención a viaxeiros nas principais estacións galegas. O obxectivo sería impedir estas "incidencias" apuntadas e a problemática da difícil conciliación para os traballadodores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta