Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/11/2020 | Actualizada ás 22:00
Disque Galicia é terra de meigas e que habelas hainas. Máis aló de crenzas e supersticións, o certo é que a figura da meiga converteuse nunha icona de Galicia, mesmo nunha marca comercial. O seu poder simbólico é tal, que mesmo suscitou algún interese académico. A última achega é un traballo titulado ‘Las meigas gallegas - «haberlas, haylas»: a ressignificação da imagem da bruxa na Galiza’, que asinan Yls Rabelo Câmara e María Paz Pizarro Portilla no último número da Revista Boitatá, unha publicación semestral do Grupo de Trabalho de Literatura Oral e Popular da Associação Nacional de Pesquisa e Pós-Graduação em Letras e Linguística (ANPOLL) de Brasil.
No seu estudo, debullan a figura da meiga galega, que “ao longo dos séculos deixou de ser a muller cuxa conduta oscilaba entre a bondade e a maldade e pasou a representar a protección dos que nos seus poderes cren, sen que con iso perdese as súas contornas orixinais de manipuladora de enerxía segundo os seus intereses”, describen as autoras.
Nese sentido, subliñan que a meiga “hoxe representa unha entidade menos negativa, chegando a ser asociada á simboloxía da protección e da bondade”.
Rabelo Câmara e Pizarro Portilla fixeron unha revisión bibliográfica, baseada nas obras de “investigadores prestixiosos da área” sobre as meigas galegas, e sobre a cal afirman que “se demostra como a concepción que se ten da bruxa galega tense transformado co transcorrer do tempo e, en especial, no último século e medio”.
En base a esa revisión, consideran que “o estudo das meigas galegas merece un ollar máis atento da Academia, xa que reflicte as mudanzas económico-sociais e histórico-culturais polas cales os galegos veñen pasando nos últimos cento cincuenta anos e que reverberan en antigas crenzas que resultan actuais, nun contexto que lles presta un novo significado alén do orixinal”.
“Estudar as meigas de Galicia representa un mergullo nas fontes máis xenuínas da cultura galega, que nos influencia indirectamente, unha vez que o ibérico está connosco hai máis de cincocentos anos”, argumentan.
Así, resaltan “a importancia das meigas para o folclore e para as tradicións orais de Galicia, terra ligada ao máxico no inconsciente colectivo ibérico, moito, quizais, debido á súa orixe céltica, cuxo cerne é mítico e místico”.
Na revisión bibliográfica din ter comprobado que “malia que a Inquisición e a caza de bruxas non estiveron moi presentes en Galicia, causando poucas vítimas entre as condenadas por bruxaría, as bruxas sobreviviron a séculos de opresión misóxina e chegaron á posmodernidade reconfiguradas, baixo outros nomes, como as meigas”.
As investigadoras recordan que en tempos pasados as meigas galegas “estaban vinculadas co ambiente rural, montañoso e misterioso de Galicia, que se distingue doutras rexións peninsulares ibéricas porque alí foron procesadas e condenadas poucas” se “se comparan coas mulleres perseguidas noutros sitios”.
De feito, destacan que en Galicia “os rexistros oficiais contabilizan 112 casos de maxia, bruxaría e feitizaría entre os anos de 1566 e 1683: 82 mulleres e 20 homes, con escasa presenza de menores de 30 anos e varios individuos con 50 anos ou máis –con bastantes viúvas, mendigas, solteiras e parteiras, así como labregas”.
Nese contexto, lembran que “a Santa Inquisición, que se iniciara en España en 1478, chegou a Galicia en 1574, sendo as Rías Baixas a zona galega máis afectada por esa persecución misóxina”.
E recordan que a primeira noticia da que temos rexistros sobre a persecución de meigas en Galicia é “o proceso datado de 1602, no que Constanza do Pazo foi denunciada por tres mulleres que dicían que era ‘bruxa’, ‘feiticeira e que ‘chuchaba os nenos” (dicíase dalgunhas bruxas que chupaban o sangue de cativos producíndilles debilidade e problemas de desenvolvemento).
Sábese de Constanza do Pazo que era unha muller solteira natural da parroquia de Santa María de Lamela (Pereiro de Aguiar, Ourense) que foi “vítima de intrigas” e, máis concretamente, das testemuñas dunhas “mulleres ignorantes, amigas súas e casadas, ás que lles morreran criaturas case recén nadas, anémicas ou tísicas, ou sen posible desenvolvemento polo raquitismo, chegando expresar unha delas contra Constanza extremos de celo pola enfermidade (indiferencia ou frialdade) do seu marido”, relátase no libro Brujos y astrólogos de la Inquisición de Galicia y el famoso libro de San Cipriano, publicado en 1885 por Bernardo Barreiro de Vázquez Varela
CONVERTIDAS EN 'SOUVENIRS'
Do que non cabe dúbida é de que estas mulleres “habitan as lendas galegas e alimentan o universo supersticioso de Galicia, presentes non só na oralidade, como outrora, tamén cristalizadas nas máis diversas formas de arte, alén da súa representación icónica e imaxinaria en souvenirs que teñen nelas un símbolo apotropaico e de sorte” (o apotropaico é algo que ten un carácter máxico, sobre o que se cre que afasta o mal ou propicia o ben).
Esa reconfiguración das meigas galegas, “concibidas na súa orixe como malas”, obsérvase, como sinalan estas investigadoras, nas actuais tendas de souvenirs de Galicia nas que se venden figuras de bruxas como amuletos ou talismáns, pero tamén “nas estatuas vivas nas rúas desa comunidade autónoma (maiormente nos lugares públicos e moi visitados por turistas, como as rúas das zonas vellas)”, e que manteñen unha típica imaxe da meiga que habita no noso inconsciente colectivo, “cos seus longos vestidos negros, cabelos longos e grises, o nariz aquilino e verrugoso e poucos dentes”, e acompañadas polos “elementos que lle son asociados” tradicionalmente, como “caldeiros, escobas, corvos ou gatos negros”.
E “malia eses aspectos negativos relacionados a elas, son tituladas como «meigas da sorte» ou «meigas do amor»”, algo que é “un paradoxo a primeira vista”, sinalan as autoras, que se preguntaron como se deu esa mudanza.
A resposta cren que pode estar “nos movementos románticos e nacionalistas do século XIX”, que “rescataron tradicións populares que foron recontextualizadas naquel momento histórico e reinterpretadas”.
“As raíces célticas de Galicia foron entón evocadas, mostrando un pobo que resistiu o Imperio Romano e á cristianización, rebautizando, mais non esquecendo antigos costumes, saberes e crenzas”, clarifican.
NECESÍTANSE MÁIS ESTUDOS
As autoras resaltan que “aínda que pareza un tema bastante estudado, na realidade, non o é”. Afirmación que sustentan na “dificultade que tivemos para atopar bibliografia para este traballo”, din.
Segundo estas autoras, “non abundan os traballos académicos strictu sensu” sobre as meigas galegas. Aínda que recoñecen que existe “unha cantidade razoábel de artigos científicos” sobre estas, consideran que “son parcos, comparados con outros asuntos do universo galego, maiormente o cultural”.
E como entenden que é un tema “interesante” desde un punto de vista social, din “non entender” que non exista “o mesmo grao de interese nel pola Academia”. Os estudos que atoparon sobre as meigas galegas, din, “non cumpriron as nosas expectativas”.
Por isto, consideran que estudos como o seu “son fundamentais para a comprensión da importancia das meigas en Galicia”, pero tamén “en España e na Península Ibérica por extensión”.
“Estudalas e rexistralas academicamente é un convite a un mergullo profundo e proveitoso nunha das máis xenuínas tradicións dos galegos; unha tarefa esixente ao principio, máis gratificante ao final”, recoñecen as investigadoras.
“Cremos que investigar e escribir sobre esas mulleres, e publicar traballos sobre elas tratados pola Academia é unha maneira de contribuírmos para que a súa importancia para co folclore, as lendas, os costumes e as tradicións orais da terra que tan ben nos acolleu sexa preservada e continuada, en conxunto co traballo doutros investigadores”, enxalzan.
Yls Rabelo Câmara é doutora cum laude en Tendencias Actuais nos Estudos Ingleses e as súas Aplicacións pola Universidade de Santiago de Compostela. María Paz Pizarro Portilla é doutora en Letras pola Universidade Federal Fluminense de Brasil.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.