Preferidos e preferentes

Hai uns días, un empregado xubilado recibiu unha coitelada dun home a quen lle vendera un activo financeiro de alto risco. Tamén a semana pasada, atopei unha ex directora de oficina que, segundo me conta, foi denunciada por un ex cliente por similares razóns.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 06/06/2013

Comparte esta noticia
Dous casos para ilustrar a confusión entre as responsabilidades persoal e corporativa. Podiamos engadir as imaxes dos traballadores de Novagalicia sendo acosados polos chamados preferentistas á saída do seu centro de traballo. Traballadores que nada tiveron que ver co deseño e venda dos activos de alto risco. 
 
Enténdese a actitude dos preferentistas, eu enténdoa cando menos. Fala da súa impotencia ante o abuso indecente do que foron obxecto. Non é doado poñerse na pel dos prexudicados, xentes que confiaron nas súas entidades de toda a vida e que puxeron os aforros nas mans dos supostos especialistas practicamente ás cegas. Esa distancia entre as posicións de partida fai todo isto máis odioso, quen ostenta o poder da visibilidade e da dimensión aproveitando a febleza dos individuos do común, dos anónimos. 
 
Mais a rabia entendible non se pode dirixir contra as persoas da mesma condición. Este litixio non pode enfrontar a aforradores contra traballadores. Mentres o conflito se presente dese xeito, os auténticos responsables continuarán gozando da súa posición de privilexio, posiblemente en lugares distintos daqueles desde os que ditaron as perversas instrucións. 
 
Hai que saber como funciona unha entidade financeira para decatarse onde radican as responsabilidades. Os directores de oficina están moi lonxe das instancias de decisión. Tampouco son normalmente coñecedores da situación patrimonial do banco ou caixa para o cal traballan. A súa función é relacional, poñen en contacto a dirección da empresa e o cliente seguindo instrucións que, con demasiada frecuencia, levan o carimbo de orde de execución incontestable. A presión comercial fai o seu labor ingrato e, ás veces, mesmo desagradable. Atrévome a afirmar que a maioría non sabían o que se agochaba detrás dos activos que vendían. Certo que houbo enganos e prácticas inconvenientes, cando menos. Aí é cando empeza a responsabilidade individual, separando sempre o gran da palla. 
 
Mais a responsabilidade central e colectiva non pode recaer nos traballadores do sector senón en dúas instancias ben claramente definidas: a propia entidade como ente con personalidade xurídica e os seus directivos principais con competencias en materia executiva e comercial. Estas son as instancias responsables da enorme desfeita e contra estas habería que dirixir a actuación xudicial. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego