A quen lle importa?

Meu pai, como outros moitos pais de nenos de vilas mariñeiras, Ribeira no meu caso, tivo que buscarse a vida, alá polos 70, lonxe da casa. Meu pai comenzou como engrasador en barcos de pesca de altura, e acabou de maquinista naval en Australia, Canada, Namibia e, sobretodo, onde pasou mais anos, en Sudáfrica.

Por Emilio Martinez | Ribeira | 04/12/2020

Comparte esta noticia
Daquela non había internet, non habia nin correo electrónico nin skype, e moito menos Zoom, Teams ou calquera desas plataformas que nos pasados meses tivemos que aprender a usar. Eran tempos nos que por non haber case nin había teléfonos nos fogares. Por non haber case nin había televisión.
 
Na miña casa, e non sei si nas outras, escribiamos cartas. As primeiras palabras que aprendín en inglés foron “Air Mail”, que aparecian impresas naqueles sobres, orlados en azul e vermella, nos que metiamos unhas follas finas como papel de fumar, papel de carta. A miña letra de neno non era moi lexible, e miña nai non me deixaba escribir o enderezo, non fora ser que o carteiro do sitio a onde as enviabamos non descifrara a letra e a carta acabara perdida. No día de hoxe ainda lembro o enderezo que tantas veces lein nos remites das cartas que eu recibia: o nome do meu pai, e nas liñas de debaixo: P.O. BOX, Sea Harvest, Harvest Aries, Saldanha, South—Africa... escrito todo cunha letra estremadamente coidada, que ainda hoxe envexo. Lémbrome dese enderezo, e xa teñen pasado 40 anos... lembrome de buscar onde quedaba Saldanha, un porto a cen kilómetros de Cidade do Cabo, onde tiña a base o pesqueiro no que traballaba meu pai, a primeira vez que tiven un atlas, o Salinas, entre as mans... 
 
Escribiamos as cartas na mesa da cociña mentres se preparaba a cea e ao día seguinte iamos a Correos a selalas. Poñianlle unha chea de selos, para min unha sinal, sen lugar a dúbidas, do lonxe que estaba meu pai.. Gustábame botar as cartas no buzón que estaba fora da oficina... era a boca dun león, e daábame algo de medo. Miña nai tiña que subirme porque eu non chegaba, nin sequera saltando. A miña nai levantábame, e eu botaba as cartas. Sempre facia que me alzara cando menos unha vez mais, para comprobar que non quedaran enganchadas nalgures. Despois de comprobalo ia xa tranquilo para a casa. Non sabia moi ben como, pero aquelas follas de papel acababa sempre nas mans do meu pai, a moitos, moitos kilómetros de distancia, ainda que moitos kilómetros era unha distancia incomprensible para min... que o mais lonxe que viaxara fora a Santiago... e iso xa era moi lonxe... 
 
Supoño que os pais que hoxe andan embarcados xa non reciben cartas dos seus nenos. Hoxe temos internet, whatsapp, instagram, todos temos cando menos un teléfono no peto, as chamadas son baratas... As cartas son algo como antiguo... Sei de certo, iso si, que hoxe, cando menos en Vigo, ningún neno poderá pedirlle á sua nai que o suba para botar unha carta, nin siquera aos reis magos... hai uns días a prensa local faciase eco dunha nova: Correos decidía pechar a boca dos leóns dos buzóns da oficina principal porque a xente os estaba usando de papeleiras. 
 
A nova impresionoume. Non é unha anécdota nin me produce ningunha gracia. Que xente pode utilizar un buzón de Correos para botar o lixo? A pregunta ten unha resposta sumamente desacougante: demasiada. 
 
Para min hai un valor que é a bara coa que medir o desenvolvemento dunha sociedade. Un valor do que se fala moi pouco: o civismo. O diccionario define “civismo” como “comportamento da persoa que cumpre cos seus deberes de cidadán, respecta as leises e contribue así ao funcionamento correcto da sociedade e ao benestar dos demais membros da comunidade”. Cidadania, sociedade, comunidade... cando falta o civismo, o que aportamos á sociedade co noso comportamento, flaquea todo o resto... 
 
A ninguén parece importarlle. Podemos dar unha volta por calquera cidade, facer o esfozo e examinar os comportamentos, non imos decir que dunha maioría, pero si dunha minoría notoria, que convirten ás nosas comunidades, con toda impunidade, en lugares piores. Fixémonos por exemplo nas cagadas dos cans sen recoller nas rúas, reparemos en todos os colchóns, e todo tipo de enseres, dende mobles a neveiras, que se deixan en calquera lugar a calquera hora... por non falar dos vertereiros que aparecen, por xeración espontanea a carón de calquera pista forestal. Pensemos na cantidade de automóbiles abandonados durante meses ou nos desalmados que de madrugada van nos seus coches co volume da música a todo o que da o equipo.  Paseemos por calquera rúa, por exemplo as aledañas á catedral de Lugo ou pola zona do Orzán en Coruña, pintarraxeadas sen pudor por persoaxes mediocres que se pensan que porque teñen un rotulador xa son Bansky. Percorramos calquera zona de “marcha” unha mañán cedo de sábado ou domingo e deixémonos embriagar polo arrecendo a mexados ou polo cheiro ácedo dos vómitos... Ou paseemos simplemente, contemplando o chan rebosante de lixo porque a algúns lles que custa moito levar o papel, a bolsa ou o bote de refresco na man ata a próxima papeleira... Non fai falta extenderse moito mais. Os exemplos da falta de respeto á vida en comunidade non van faltar... cabichas que se tiran dende coches en marcha, ou veciños que se creen que a todos e todas nos debe gustar o regatón ou o heavy metal ou o que lle veña en gana a eles, e cando a eles lle pete.
 
A lista completa sería inmensa.
 
´Todo o imos asumindo como normal. Xa non vemos o lixo que se acumula nas rúas, xa non nos decatamos coa falta de educación rampante, non chama a atención a falta de respecto ao común.
 
Tampouco parecen importarlle a quen ten que tomar decisións, a aqueles que nos gobernan. Fagamos a proba. Collede, si vivides nunha cidade ou nunha vila, os programas electorais de tódalas candidaturas que se teñan presentado ás últimas eleiccións locais. Revisadeos, facede unha lista das propostas nas que se fale de fortalecer a idea de comunidade, de crear cidadania, de civismo, en calquera das súas múltiples acepcións... mirade si nalgún se fala de comprometer ao cidadán coa defensa do común, dende a necesidade de recuperar o cotidiano, non só quedándose en grandes conceptos abstratos. Seguro que atoparedes páxinas e páxinas con promesas de todo tipo... moita “smart city”, moitos novos plans de tal e cual cousa con nomes rimbombantes.... pero pouco espazo para os problemas da convivencia diaria nas cidades, moito falar seguramente de plantar eiquí e alí arbores, de poñer eiquí e alí columpios pero nada, ou tal vez unha mención de pasada, sobre os malestares sociais e como curalos. 
 
As formas de abordar estes problemas, a forma de construir solucións a estes males non precisan de estudos de doutorado en ningunha universidade da “Ivy League”, non precisan tampouco do concurso de afamadas consultoras, si precisa coñecer a realidade, non por informes ou estatísticas senon andando a rúa, precisa ambición de querer mudar as cousas, non só ambición de facerse notar en tuiter botándolle a culpa a outros, ou buscando notoriedade cun selfie guapo no facebook. 
 
Desgraciadamente a convivencia non se pode inaugurar, non hai cinta que cortar, desgraciadamente unha rúa limpa non da para unha nova nun telexornal... O civismo, como enviar cartas, parece que non está de moda. Talvez tamén teñamos que tapialo, como os leóns da oficina de Correos de Vigo e que sexa só un recordo antiguo.
 
A miña proposta é outra, sintéticamente: educación, comunicación e sanción. Tres palabras, tres vías para solucionar problemas que xuntas fan maxia. Agora preguntémonos: que é o que falla?, e tamén: quen é o que está a fallar?.
 

Bolsas de lixo sen introducir no contedor
Bolsas de lixo sen introducir no contedor | Fonte: Moncho Mariño
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.