Lino e Nemiña

Lino e Nemiña teñen moitas semellanzas. Foron pescadores, un de altura outro de baixura; devotos de A Virxe do Carme o Lino, e de San Roque, o Nemiña, esa devoción debíanlla, segundo eles, a ter viaxado tanto polo mar.

Por Luis Toxo | Santiago de Compostela | 11/06/2013

Comparte esta noticia
Pais de familia numerosa; os dous con mulleres moi rosmonas, de aí a súa mentalidade estoica, ademais, ambos  seareiros do equipo de fútbol do seu Concello.
 
Lino pasa por seren unha especia de experto home do tempo na súa parroquia.
Tantos anos embarcado pendente do mar  picado, e rizado ; das borrascas, dos temporais e dos vendavais, déronlle  creto no seu prognostico coma meteorólogo local.
Pouco despois de se xubilar preguntábanlle decote os veciños a súa opinión sobre o tempo vindeiro.
 Lino con moito aquel, cuspia na man, a levantaba, e de  paseniño xiraba  trescentos  sesenta grados, e afirmaba case sempre con enorme seguridade e a voz un pouco tomada polo tabaco : “ Mañá se chove, chove, e se non chove non chove”. E quedaba tan pancho.
 
Nemiña, sae con frecuencia na súa dorna a pescar con Lino coma axudante, ―mais que nada por entretelo e  porque ten tempo agora de abondo, ―dille a todo o mundo....
 Pero é o Lino quen vai polo cebo, quen prepara os aparellos, e ate quen leva sempre  as cervexas e uns bocadillos de queixo con anchoas de Riveira.
 
Contoume fai uns días  Lino que  o Nemiña, nunha destas saídas, encomendouse coma sempre a San Roque e ofreceulle - como é vella tradición - devolver ó mar o primeiro peixe  que collera.
 
Andaban a faenar os dous entre  o Cabo da Nave  e o Centolo de Fisterra, e foi daquela cando o Nemiña pillou un enorme robalo, que, a ollo de bo cubeiro debera pesar uns catro quilos...
 
O Nemiña ergueuse abraiado na dorna, cas palmas da man e os ollos en branco mirando cara o ceo dixo:
―San Roque querido, non che é o mesmo que  che devolva o segundo peixe ?.
 
―Nese mesmo instante un pequeno golpe de mar bandeou a dorna e fixo caer de cu o meu amigo.
 ―E pódesme crer, lanzou axiña pola borda o robalo mentres con un fío de voz  e con  faciana de medo murmuraba...
 
― San Roquiño querido, non se che pode gastar una broma carallo!...
 
Non sei porque me recorda esta historia ó actual goberno. Non falla un só prognostico ni el, nin os seus expertos, e,  promete todo aquelo que non ten intención  cumprir, mentres sigamos calados, ou non chegue  a onda de San Roque...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA