Dende a súa construción no século XV, a historia do Pazo Baión preséntase inzada de acontecementos de distinto signo. Parecía condenado a un final sinistro cando caeu en mans dun capo dos narcos. Novas vicisitudes, idas e vindas, épica e miserias, foron protagonizando as últimas etapas ata que Condes de Albarei se fixo coa propiedade.
O Pazo Baión esténdese por unha superficie de 30 has. (22 plantadas de Alvariño) e comprende catro edificios monumentais. A cooperativa Condes de Albarei soubo ver detrás daquelas paredes e entre aqueles viñedos unha oportunidade única. O seu proxecto era rehabilitar unha arquitectura tradicional tan castigada por mans insensibles e recuperar unha explotación que agochaba un indubidable potencial.
Competiu ante o Ministerio de Sanidade e Asuntos Sociais con empresas do peso de Freixenet ou Marqués de Riscal e gañou a poxa. Transcorridos uns anos dende aquela, hoxe Pazo Baión pode presumir de ter rescatado unhas instalacións senlleiras para o País e estar a desenvolver un proxecto exemplar que haberíase tomar como referencia para o futuro da nosa economía.
A iniciativa de Condes de Albarei parte do elemento competitivo esencial: coraxe, valentía, ambición. Tamén dunha tradición que compila o mellor e o peor do carácter e condición da Galicia económica. Engadiulle a visión de albiscar a oportunidade de investimento e a intelixencia de recompilar apoios de primeira magnitude: o soporte institucional da Consellería de Medio Rural (daquela rexida por Suárez Canal), o asesoramento técnico da Cooperativa Mondragón, unha xestión directiva excelente e mailo aval de César Portela no labor arquitectónico. O resultado é o Pazo Baión actual.
Hoxe en día, Pazo Baión é a marca de Condes de Albarei destinada al segmento cimeiro do mercado. Conta co compromiso dos catrocentos cooperativistas que fan do Salnés unha bisbarra orgullosa dos seus viños. Executa un proxecto innovador a través dun proceso sofisticado e do coidado de cada fase da cadea de valor. Diversifica cara ó sector turístico e restaurador. Exerce a responsabilidade social mediante programas de prevención e axuda ó drogodependente. E consegue, a través da súa rede de distribución, chegar a mercados tan diversos coma o español, Estados Unidos, México, Puerto Rico, Costa Rica, Panamá, Colombia, Inglaterra, Irlanda, Bélxica, Australia ou Xapón.
Coraxe e tradición, xestión e cooperación, calidade e innovación, distribución e responsabilidade social. Condes de Albarei identificou e implantou no Pazo Baión os factores clave para o éxito dunha economía: a economía galega.