O "insulto" da Xunta ás enfermeiras temporais: 164 prazas fixas para 35.000 sanitarios

Enfermeiras Eventuais en Loita anuncia mobilizacións contra este "abuso". "A Administración apoderouse da excepcionalidade da pandemia para restrinxir os nosos dereitos", subliñan.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Proseguen as mobilizacións no sector sanitario galego contra a xestión da administración autonómica. Aínda que as denuncias do profesional médica veñen de lonxe en Galicia, a presión acumulada tras nove longos meses de pandemia está a facer que aboien con renovadas forzas moitas das demandas sostidas ao longo dos anos pasados. Tal é o caso da temporalidade do Servizo Galego de Saúde, unha circunstancia da que Galicia Confidencial xa informou en numerosas ocasións.

Sanitarios nunha UCI
Sanitarios nunha UCI | Fonte: EFE

Agora, ao bordo do novo ano 2021, o colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita vén de lanzar un novo berro de denuncia contra o que, consideran, consiste nun novo “abuso” por parte da Xunta de Galicia: a derradeira oferta de emprego público. A convocatoria, publicada do DOG escasos días atrás, vén de recoller a indignación do colectivo de enfermaría por tratarse dun número moi reducido aos seus ollos: 164 prazas.

Aínda que a cifra pode semellar elevada, queda moi curta ao carón das estimacións ofrecidas por fontes sindicais a GC uns meses atrás: 35.000 profesionais. É por isto que dende Enfermeiras Eventuais en Loita anuncian mobilizacións “en diferentes puntos da xeografía galega”. Segundo destacan, estas manifestacións terán lugar mantendo os protocolos de seguridade e coa vista posta en “denunciar o insulto da Administración autonómica e estatal aos seus traballadores”

40% DE TEMPORALIDADE 

As críticas da agrupación sanitaria chegan logo duns meses de extraordinaria presión nos que, destacan, “a Administración  apoderouse da excepcionalidade para restrinxir e reducir os nosos dereitos”. Subliñan neste aspecto como certos líderes chegaron a “aproveitarse dos nosos esforzos para acadar puntos políticos”, á vez que “finxían premiar o noso traballo con recoñecementos e homenaxes públicos carentes de valor”.

Estas homenaxes saben hoxe amargas ao colectivo sanitario porque, tras toda a pompa e agasallos, advirten como a temporalidade do persoal sanitario “deixou de ser un episodio agudo para converterse nunha patoloxía crónica”. Por iso falan das 164 prazas convocadas como “cento sesenta e catro gargalladas con sarcasmo” proferidas “nos rostros de todas e cada unha das enfermeiras temporais que formamos parte deste Servizo Galego de Saúde, a vergoñenta cifra do corenta por cento do total”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta