Aporofobia en Galicia... cando se odia á xente que está na probreza

A situación de pobreza e exclusión é unha carga molesta para algúns sectores sociais, sobre todo os máis favorecidos, incluídas as clases medias. Así naceu unha actitude de “invisibilización” da pobreza ignorando a súa existencia ou erradicándoa de maneira expeditiva. A aporofobia é o termo que lle deu nome ao odio ás persoas desfavorecidas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 17/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O suceso foi real. Nun supermercado da capital galega un home paga unha barra de chocolate coas moedas que lle foron dando na porta do mesmo centro comercial. A caixeira, cunha actitude entre violenta e avergoñada, repite insistentemente “dentro non se pode pedir” mentres conta as moedas. O home só responde “cóbrame” e ve como a caixeira bota con desprezo a barra de chocolate ao fondo da caixa. A rea de persoas que esperan para pagar non di nada. Diante doutro supermercado, outro home maior pregunta algo sobre as luvas de seguridade, unha muller responde: “sempre nos vés co mesmo “rollo”. A situación vólvese violenta coas respostas do aludido: “se che sacase unha pistola sería roubar, eu só estou pedindo”. Ninguén di ou fai nada.

Persoa sen fogar
Persoa sen fogar | Fonte: wikipedia.org

APOROFOBIA

O termo significa medo á pobreza ou á xente pobre, ademais de noxo, odio ou discriminación contra a xente sen recursos. Aínda que o termo naceu nos 90 do século XX, a actitude social que cualifica existe desde sempre. A visión da persoa pobre produce vergoña, medo, noxo ou desprezo entre quen non está na mesma situación. “O peor de todo é a maneira en que te tratan, como se non mereceras estar aquí” di Salva, nome ficticio dun “sen teito” en Compostela.

As raíces deste comportamento están moi ligadas á xerarquización social, á exclusión e tamén aos prexuízos sociais sobre a pobreza. Son actitudes adquiridas, aprendidas dentro de determinados grupos sociais, moitas veces como consecuencia das desigualdades sociais en sistemas económicos de “libre mercado”, base da sociedade capitalista.

O medo á xente pobre ou sen recursos materialízase coa creación de guetos arredor das cidades ou vilas, onde se acurralan ás persoas sen recursos. Tamén se materializa nalgúns países con lexislacións especificamente contra esta xente  impedindo a súa libre circulación (leis de castas). En países occidentais as lexislacións son máis ou menos laxas, cousa que non impide por exemplo prohibir a entrada destas persoas en zonas consideradas públicas por motivos de “seguridade”.

PEDAGOXÍA PARA ELIMINAR A ESTIGMATIZACIÓN

“Debemos aprenderlle á sociedade que estas persoas teñen dereitos, como o dereito á vida digna” di Daniel Bóveda de EANP-Galicia. “A creación das rendas mínimas, das rendas de inserción e as diferentes axudas para estas persoas, non son un capricho, é un dereito”. Bóveda insiste neste último punto cando durante a conversa saen as palabras de Santiago Abascal referíndose ao Ingreso Mínimo Vital como “la paguita”.

“Discursos así o único que fan é deshumanizar as persoas pobres” insiste Bóveda. Esa deshumanización “converte” ás persoas en situación de pobreza extrema en “delincuentes en potencia”. Créase unha xeneralización inmediata que inclúe a calquera que presente trazos de “pobreza”. Así, os xitanos, os “chabolistas”, os habitantes de determinadas zonas onde imperan altos niveis de desocupación, drogadicción e outros factores, son “niños de delincuencia”.

“É cuestión de pedagoxía, axudar ás persoas en exclusión non é unha perda de diñeiro” di Bóveda. A cuestión é convencer aos sectores máis reacios para que vexan as rendas mínimas como un investimento, mesmo un investimento en “seguridade” fronte a “potencial delincuencia da xente pobre”. Sería por tanto, un investimento dobre, favorecer ás persoas excluídas e de paso cambiar visións ou erradicar complexos sociais.

A aporofobia pode evitarse mediante unha revisión dos valores sociais, cambiando a visión existente sobre determinados grupos humanos. Este fenómeno é irmán do “discurso do odio” e todas as formas de posturas totalitarias ou intolerantes e, por encima de todo, é “clasista”, tal e como din varios traballos sobre exclusión e  pobreza.

Actualmente no medio da pandemia da COVID-19, disparouse o risco de quedar fóra dos estándares mínimos para unha vida digna. Se se desacelera o ritmo de axudas a persoas con dificultades, se a fenda entre pobres e ricos vai en aumento é moi probable que aparezan discursos “aporofóbicos” que, como xa se apuntou, estigmaticen a capas enteiras da sociedade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 ideasnovas

Coido que o problema real témolo nos como sociedade, sobran cartos para que non exista nin un excluído social, pero moitos moitos carlos o que non hai é cerebro e ganas de cambiar as cousas nos dirigentes de tódolas cores políticas, especialmente en españa. Mirade a caravana de Guatemala, lamentable,... Ten que chegar a postos políticos xente moi moi distinta a que temos, porque a sociedade non está a altura

1 Gamela

Cando un alcalde dunha cidade con "débeda cero" négase a falar co colectivo dos "sen fogar" durante unha acampada realizada ás portas do Concello durante 3 anos e 3 meses (ata que chegou a pandemia!) non é de estrañar que a cidadanía siga o seu criterio e considere aos pobres coma unha peste ! Son exemplos coma este os que deberamos ter moi presentes se queremos evitar a aparición de grupos radicais que chamen a queimar pobres que durmen nos caixeiros ! Os que negan que haxa xente durmindo nos caixeiros son moito máis perigosos, pois transmiten á cidadanía que o problema non existe, e que os que viven tirados nas rúas non teñen dereito algún, nin siquera a ser recibidos logo de 3 anos e 3 meses acampando diante de todo o mundo en Vigo ! Esta cidade ten un problema grave que se oculta baixo as luces e as rampas mediáticas e cando a prensa saca o tema o fai para falar de Okupación e non de Dereitos Humanos !

1 Gamela

Vigo padece aporofobia ! pero aínda non está diagnosticada, é unha desas cidades asintomáticas pero que contaxia a todos os que por ela pasan... Coidado que este virus exténdese coma a peste !!! https://i.gal/gamela19