GC Aberto

Coronavirus: a servidume voluntaria

Por admin | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2021

Comparte esta noticia

Agardo con franca ilusión neste ano vello 2020, a apertura da Porta Santa na Quintana dos Mortos. Non é que me entusiasmen os cantos litúrxicos mais ese motete Sae da túa terra, o Apóstol espérate, que o Turismo da Xunta elixiu para lema do Ano Santo 2021, paréceme unha premonición da restauración do dereito á liberdade de circulación ou non sexa máis que do que unha innecesaria provocación. Non o digo só polos milleiros de persoassobreviventes que chegan en pateras ás costas da opulenta Europa, empurradas polas nosas políticas neocoloniais, senón tambén polas vertoláns proibicións de mobilidade no noso territorio, si, esas cambiantes zonas perimetrais. Recoñezo que estes cercados mutantes pódennos aprender a nosa xeografía, esa que foi desterrada das escolas. Mais alén da Axencia de Turismo de Galicia precisamos con urxencia dunha axencia de marcos entre concellos. Porque se queremos pasear pola nosa contorna teremos de coñecer se Baltar, é un dicir, é de Narón ou estaremos arriscando os montantes dos minijobs a unha multa que se cadrar sirva de investimento público que sume ao capital de risco MIG AG para financiar BioNTech, cuxo. ARNm do virus xa quintuplicou ganancias no mercado. Comprendo que o fordista director executivo de BioNTech quixera deixar de ser cabeza de turco modificando a contrarreloxio material xenético no laboratorio para. inmunizar ao planeta cos seus socios estadounidenses de Pfizer e os socios chineses de Fosun. Ao fin, forrarse cunha vacina non ten por que estar rifado co dever humanitario. Na globalización, a filantropía non só casa ben co lucro opaco senón que é devedora de el.

Peregrinos a escasos metros da Catedral de Santiago de Compostela.. EUROPA PRESS - Arquivo
Peregrinos a escasos metros da Catedral de Santiago de Compostela.. EUROPA PRESS - Arquivo

No reino da posverdade non há certeza á que botar man. As parellas sen papeis que vivimos en distintas cidades galegas e non podemos vernos presencialmente mentres escoitamos á directora de Turismo convidándonos a romper fronteiras nestes tempos de distanciamento e preparmonos para un ano santo seguro. Namentres a mesma Xunta lanza un portal web para vender aldeas abandonadas, 3.900 nada menos, incluso a inversores de otros puntos de España. Será para fuxir das pandemias no medio dun ermo eucaliptal?

O isolamento, o medo e a represión masiva xunto á inoculación de datos fuxidíos e contradictorios está facendo do lobie informativo unha tribo de reductores de cabezas. Amais, os datos combustibeis abócannos a unha amnesia colectiva. Precisariamos ter unha hemeroteca baixo o brazo para enxergar os fíos desta pandemia. Há pouco máis dun mes, o 10 de novembro, que a comunidade científica dicía que havía que ser cautelosos coa vacina e no Nadal os orgasmos vacinais abren todos os informativos amosándonos vellos encantados do privilexio de ser os primeiros en se vacinar, entre anuncios de perfumes e programas de lixo financiados polas casas de apostas que van abrindo outro nicho de mercado sanitario, o das ludopatías. Mentres, brincadeiras da vida, Marta Temido, ministra de Saúde portuguesa, anuncia ir xa polas 16.000 vacinacións. O que me trae á mente a crise política e a promesa científica e as burocracias político-sanitarias ás que tan finamente alude Manuel Fernández Blanco no livro Setenta ideas para a (pos)pandemia, recén saído do prelo.

Polo de agora, a panacea da nova realidade non vai ser afortalar o sistema sanitario, combater o cambio climático, desglobalizar, combater a agroindustria e o saqueo monopolístico no planeta...a panacea vai ser unha vacina que nos inocule ARNm do virus e a ver que pasa... baixo a sutil ameaza dunha lista negra.E aínda ben que o noso ministro non se apelide Temido senón Isla.

Mentres as ONGs piden uns céntimos para vacinar de cólera aos nenos de baixo nivel socioeconómico de Asia e África. Esa humanidade da que ningún filántropo ou firma de biotecnoloxía moderna se lembra. Agora mesmo, a autocensura é tan enorme que poucos arriscan a cuestionar ningún discurso oficial nin sequer a suliñar que igual que non deve dar unha declaración de guerra unha firma de armamento tampouco deve garantir a fiabilidade

dunha vacina unha empresa financiada por grandes corporacións privadas ou capitais de risco.

Magoa que entre os bestsellers deste Nadal non figure o Discurso sobre a servidume voluntaria de Etienne de La Boétie, precursor intelectual da desobediencia civil contra aquelas normas arbitrarias ou odiosas que repunan ou deveran repunar a conciencia cidadá.

IOLANDA TEIXEIRO REI

FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta