Aprazado o xuízo da Operación Zamburiña polo contacto dun dos acusados cun positivo de covid-19

As sesións deste caso que xulga a narcotraficantes e policías retomaranse o vindeiro luns.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/01/2021 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O xuízo da Operación Zamburiña, no que se xulga a nove presuntos narcotraficantes e a catro axentes da policía por colaborar con eles a cambio de "crédito corporativo", foi aprazado ata o vindeiro luns debido ao contacto dun dos acusados cun positivo por covid. Estaba previsto que as cuestións previas se tratasen entre este luns e o xoves, pero este imprevisto obriga ao adiamento ata a próxima semana.

Xuízo da Operación Zamburiña
Xuízo da Operación Zamburiña | Fonte: Brais Lorenzo - Pool.

A razón desta decisión foi que un dos acusados está pendente dos resultados dunha proba covid-19 por estar en contacto directo cun positivo. Por iso, o seu avogado solicitou atrasar a sesión.

A pesar de que a maxistrada manifestou que ao estar o avogado na sala o acusado pode elixir non estar presente --e por tanto, poderían celebrarse as cuestións previas, posto que "non se perdería nada que o letrado non puidese comunicarlle"--, a defensa incidiu en que o seu patrocinado "ten todo o dereito do mundo a estar na sala", polo que pide a suspensión.

A maior parte dos 11 letrados estiveron de acordo nesta acción, aínda que non todos. Algúns puxeron de relevo que o acusado podería estar "presencialmente a través dunha videochamada ou dalgún método similar, posto que a tecnoloxía así o permite".

Finalmente, o xuízo quedou aprazado para comezar a semana que vén, cunha redución das cuestións previas e se a PCR resulta negativa.

Ademais, as defensas xa aseguraron que pedirán que os seus clientes declaren ao final do xuízo tras as probas testificales e documentais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta