Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/01/2021 | Actualizada ás 16:48
A Audiencia Provincial de Ourense que xulga a 'Operación Zamburiña' decidiu non admitir ningunha das probas propostas pola fiscalía, xa que "se derivan" directamente de escoitas que foron anuladas o luns.
A fiscal a cargo desta suposta trama de corrupción policial en relación con narcotraficantes advertiu de que "unha incautación importante de drogas --case sete quilos de cocaína e heroína-- non pode quedar impune".
Por iso, propuxo novas probas coa intención de seguir coa acusación, entre elas a declaración dos axentes de Asuntos Internos que levaron a investigación. Con todo, a Sala denegouno.
Na vista oral do luns, a maxistrada manifestou que se anulaba o auto no que se atopaban recollidas as escoitas telefónicas e, por tanto, todas as probas que derivaron delas --os rexistros domiciliarios e a incautación das sustancias--, a columna vertebral do xuízo. Unha decisión que fai cambalear todo o caso e que aboca á absolución dos acusados, segundo as defensas.
Así mesmo, ao ser nula tampouco podía ser tida en conta a declaración autoinculpatoria da procesada principal, unha das presuntas narcotraficantes para a que Fiscalía solicitaba 13 anos de prisión, que incriminou os policías ao asegurar que lle pasaron información.
No entanto, a maxistrada considerou que o oficio que trasladou Asuntos Internos ao xuíz de instrución estaba "baseado en conxecturas" e debía quedarse como "expediente administrativo", posto que partía dun anónimo que "necesitaba unha ponderación reforzada sobre a súa verosimilitud".
NOVA FORMULACIÓN
Deste xeito, a fiscal tiña 24 horas ata presentarse este martes na sala de vistas cunha nova formulación, despois de ser anuladas as probas crave para a acusación.
Así pois, o Ministerio Fiscal propuxo a declaración dos efectivos de Asuntos Internos, incluído o xefe da brigada, pois considera que "a incautación de drogas non pode quedar impune, son feitos graves".
Con todo, foron rexeitadas pola Sala, que censura que "é difícil a desconexión coas escoitas anuladas", polo que non admitiu ningunha das probas.
Tampouco permitiu a Audiencia a lectura da declaración, en fase de instrución, dos procesados, unha situación que a fiscal protestou reiteradas veces posto que non poderá interrogar aos implicados que se acolleron ao seu dereito de contestar unicamente aos seus avogados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.