Por admin | Lousame | 02/02/2021
A recente proposición non de lei presentada polo BNG no Parlamento galego defendendo o Bierzo como provincia e a súa posibel incorporación a Galiza como a quinta provincia é algo que comparto totalmente sempre que sexa a vontade maioritaria do pobo, proba do cal é o meu apoio presencial á presentación de A Quinta en Ponferrada e tamén o ser secretaria de Ligando, unha organización política cuxo ámbito territorial non inclúe só Galiza senón tamén o Eo-Navia e o Bierzo.
Até aquí todo ben, mais como é posibel que ti, como dirixente e secretaria do BNG así como recoñecida feminista, aceptes colaborar cun partido como Coalición polo Bierzo que non é capaz de condear abertamente a presunta violencia machista sen ningún lugar a ambigüidade?. Un partido que -como ben manifestaron a Plataforma contra as Violencias Machistas e os colectivos feministas de mulleres do Bierzo- calificou públicamente de intachabel a conducta política do seu anterior presidente, Pedro Muñoz, aínda hoxe no cárcere acusado de presuntos actos de violencia machista con intento de homicidio e malos tratos continuados contra a súa muller Raquel Díaz, tamén da mesma Coalición política.
Lembrarte que mentres o BNG lanzaba a campaña do pasado 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, co lema A violencia machista segue aí e ti declarabas que non iades permitir que a violencia de xénero pasara a un segundo plano, co tapabocas tapando os ollos, a presunta víctima Raquel declaraba como o seu home e expresidente de CB a lanzaba ao vacío desde a terraza da vivenda e lle daba unha malleira durante o confinamento da pandemia consecuencia da cal aínda hoxe padece unha complicada situación neurolóxica cunha paraplexia.
Non podo entender, Ana Pontón, que como feminista non esixas da Coalición polo Bierzo un comunicado de apoio á presunta víctima e unha condea contundente contra o presunto agresor antes de colaborar con esa organización.
Atentamente
IOLANDA TEIXEIRO REI
Secretaria de organización de LiGanDo-LGD
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.