Por Galicia Confidencial | Lousme | 08/02/2021 | Actualizada ás 22:15
Ecoloxistas en Acción presentou alegacións ante a posible aprobación da ampliación dunha macro granxa en Lousame que carece de autorización ambiental integrada, e anuncia accións xudiciais no marco da “Campaña Stop ganadería industrial”. Ademais, reivindica un modelo gandeiro extensivo de base agroecolóxica e pide á Xunta que deixen de encubrir as explotación ilegais.
A organización ecoloxista lembra nun comunicado que a Xunta admitiu a trámite "unha avalancha de solicitudes de legalización, ampliación e modificación" de explotacións deste tipo, tentando así evitar que se lles apliquen as novas normas en ámbitos como o do benestar animal ou a prevención da contaminación.
"Se o ano pasado a Consellería de Medio Ambientaba aprobaba catro Autorizacións Ambientais Integradas para granxas intensivas de porcos en Rodeiro, Sarria, Chantada e Friol, actualmente hai oito proxectos en trámite de exposición pública situados nos concellos de Maceda, Montederramo, Carballo, Sarreaus, Lousame, A Peroxa e Mesía", lembra.
Neste sentido, denuncia que o Goberno galego pretende aplicar a normativa xa derrogada a explotacións construídas fai décadas e que a día de hoxe están funcionando ilegalmente ao carecer de Autorización Ambiental Integrada. Esta situación, di Ecoloxistas en Acción, permitirá que estas granxas poidan operar "en condicións que vulneran os máis básicos requisitos sanitarios e de benestar da lexislación en vigor". Ademais, indica que varios dos proxecto en trámite carecen de documentación esencial e presentan datos falsos, como por exemplo nos plans de xestións de xurros, "o que fai pensar que os trámites da Xunta son meramente formais e que as propias Autorizacións Ambientais Integradas sirven para tapar o auténtico descontrol dos últimos 10 anos por parte da Xunta".
Por este motivo, e dentro da súa “Campaña Stop ganadería industrial”, Ecoloxistas en Acción ven de presentar alegacións contra os proxectos máis escandalosos como son os dunha granxa en Lousame, que leva operando décadas sin Autorización Ambiental Integrada, e anuncia accións xudiciais ante os indicios de prevaricación por parte dos responsables da tramitación destes proxectos na Administración.
A Campaña Stop Ganadería Industrial aposta por un modelo gandeiro extensivo con base agroecolóxica, frente ao modelo intensivo ou industrial. Este modelo intensivo estáse extendendo por todo o territorio e ten graves impactos para o medio ambiente, o mundo rural, a saúde das persoas e o benestar animal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.