Bandos municipais

Os bandos son comunicacións que a lexislación atribúe en exclusiva aos alcaldes. Noutros tempos adoitábanse divulgar nas tabernas e paus da luz das parroquias, nos que aínda hoxe as empesas mortuorias fixan as necrolóxicas para anunciaren os actos de sepelio dos veciños falecidos.

Por Xosé Glez. | Vigo | 15/02/2021

Comparte esta noticia

Eses bandos non tiñan ningún valor literario; a súa era unha prosa desleixada e paupérrima  escrita en castelán polos secretarios municipais. Non tiña ningún atractivo, por iso as máis das veces a xente, por non prestarlles a debida atención, incumprían os chamamentos institucionais.

Recén incoporado ao concello de Redondela como responsable dos departamentos de cultura e normalización lingüística lembro que os veterinarios, despois da constitución das primeiras corporacións democráticas, estaban preocupados polo incumprimento das ordenanzas municipais; ninguén  lles levaba a lingua do cocho para ser analizada, poñendo en risco a saúde dos consumidores por mor das escasas medidas hixiénico-sanitarios nas matanzas domiciliarias.

Ocorréuseme propoñerlle ao alcalde a redacción dun bando en verso, seguindo o modelo das tradicionais coplas de cegos. Teatralizárono  nunha  concorridísima feira con coidada escenificación dous coñecidos actores. Antonio Durán “Morris”, que facía de cego cantábaas,  ao tempo que cun punteiro ía sinalando nun cartel as viñetas alusivas. A falta de zanfona, o violín de Manolo Pombal  púñalle o caracterísco acompañamento musical,  mentres un meniño, o seu fillo, representando o papel de lazarillo, distribuía a edición impresa en formato de tiras con distintas cores. A xente arremuiñabase arredor deles sorprendidos pola chamativa esceneficación, quitándolle das mans ao meniño as coplas.

Agunhas das vinteunha  cuartetas dicían: CONSIDERANDO que aos porcos/lles chega xa o San Martiño/e as disposicións vixentes/en materia de touciño; CONSIDERANDO que o porco/sabe ben, fresco ou salgado/máis que ten os seus perigos/se non se anda con coidado; DE ORDE DO SEÑOR ALCALDE/A TODOS FAISE SABER/coa intención de que os veciños/fagan o que hai que facer: Débense seguir as normas/ditadas por Sanidade/para non comer os porcos/que teñen enfermidade….Por eso tres días antes/conforme coas ordenanzas/pedirase no Concello/permiso para a matanza/. Collerase a lingua enteira/e pouco de gorxa do aire/(todo esto será devolto unha vez se analisare)”/ Este (referíase ao veterinario) cos seus microscopios / e aveños do seu oficio/mirará con gran coidado/se ten vicio ou non ten vicio”.

Os veterinarios quedaron contentísimo co Bando pola eficacia acadada. Os medios de comunicación, escritos e audiovisuais, amplificaron o eco da orixinal iniciativa.Teño a grata lembranza das cartas recibidas de emigrantes en paises europeos e americanos solicitándonos exemplares das coplas e do cartel.Supoño que aínda estarán gardadas en moitas casas.

A experiencia repetímola noutra ocasión para alertar aos que acudían ás feiras da presenza dos moinantes que substraían as carteiras dos bolsos das mulleres que logo guindaban nos xardíns da alameda despois de risparenlles os cartos. Isto acontecía en todas as feiras. Raro era na que non aparecesen tiradas dez ou doce co consabido trastorno que iso lles producía  ás vítimas, porque nelas adoitaban levar amais do DNI  algún outro documento. Para intentar poñer remedio a este despiadado latrocinio  solicitamos a colaboración dos actores Tatán R.Cunha e Andres Xiráldez, cantando coplas atribuídas ao “Cego de Soutopenedo”; algunhas dicían así: “Voulles contar un suceso/ocorrido nesta feira/para que aprendan cantos oian/e leven conta da carteira/… Metéronlle a man no bolso/e sen que ela se enterase/á coitada da vella/ deixárona co posto./  Teñan coidado señores/ e señoras da carteira/que onde hai moitos cartos/están os moinantes na feira/ Se non te apalpan na casa/que non te apalpen na feira,/non o fan por darche gusto/senón por limpiarche a carteira.”

Naquela feira a xente botou man da carteira poñéndollelo difícil aos moinantes, que non  foron quen de rispar unha.

Estas dúas experiencias de comunicación institucional amosáronse útiles, en primeiro lugar, para levar a mensaxe aos seus destinatarios con maior eficacia, e, pola outra, para dignificar a lingua galega en sectores sociais nos que  os prexuizos lingüísticos están máis arraigados, prestixiando o idioma ao ir aparellado coa utilidade para os usuarios deses espazos sociais.

É certo que os grandes concellos galegos teñen mellorado a súa imaxe institucional con acertadas campañas publicitaria. Pero é evidente que a maioría dos concellos galegos aínda non lle teñen prestada a debida atención á calidade e formas de comunicación

Dous mozos pandeireteiros e cantareiros na feira
Dous mozos pandeireteiros e cantareiros na feira

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.