O prezo da pandemia: canto gastamos os galegos en máscaras no 2020?

Un estudo de mercado asegura que o consumo de máscaras disparou nun 63% o gasto sanitario das familias galegas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Os efectos económicos da pandemia séguense a notar en case todos os ámbitos do tecido produtivo galego. A caída de todos os indicadores macroeconómicos que seguiu os meses de confinamento tradúcese agora nunha perda de estabilidade para moitas economías familiares, que teñen que enfrontar gastos adicionais nun panorama cargado de incerteza e temor.

Máscaras hixénicas.. CONCELLO DE PALENCIA - Arquivo
Máscaras hixénicas.. CONCELLO DE PALENCIA - Arquivo

Entre estes novos gastos están, por suposto, todos aqueles produtos necesarios para prevención da covid. Malia contar un prezo inferior aos rexistrados nas primeiras semanas da pandemia, as máscaras seguen a ser unha das principais compras que, ata hai un ano, eran máis ben atípicas nas familias galegas pero que, coa pandemia, se fixo indispensable.

E, malia o descenso de prezos, non saen precisamente baratas. Un estudo do grupo ODS maps vén de poñer cifras ao gasto sanitario das familias galegas, que nos últimos meses sufriu un forte incremento derivado, en particular, do investimento obrigado en máscaras e demais elementos protectores. Segundo a compañía aludida, as máscaras "dispararon nun 63% o gasto en sanidade das familias galegas", xa que estas pasaron, de media, a investir case 700€ máis por mor deste produto.

CASE 1.800 DE GASTO SANITARIO

Así o cuantifica o estudo de ODS, que cifra en 1.790€ o gasto medio das familias galegas en produtos sanitarios ao longo pasado 2020. Unha cifra que está ben por riba dos apenas 1.100 cuantificados para o ano 2019. Tal e como explican dende a compañía, "este incremento do gasto medio ten en canta só as máscaras, a pesar de que a COVID-19 penalizou as economías familiares con gastos extras noutros produtos como os xeles hidroalcohólicos, desinfectantes, luvas protectoras, etc." 

O gasto provocado por estas máscaras --mesmo no caso de usar as hixiénicas-- segue a supoñer o groso do investimento sanitario, segundo apuntan dende a compañía. "Partindo dun escenario exposto pola OCU, o gasto en máscaras dunha familia de 4 membros que utilizan polo menos unha máscara diaria cada un (120unidades/mes), alcanzaría os 115€ mensuais se as comprase ao prezo máximo fixado polo Goberno de 96 céntimos".

Por esta razón, e dando por bos os datos aquí expostos, o gasto anual dos fogares galegos --só en máscaras-- podería ascender ata os 690€. A cifra podería ser incluso superior no caso de que as máscaras empregadas foran do tipo de FPP2 ou de que os integrantes do núcleo familiar se vexan obrigados a usar máis dunha máscara cada día, como por exemplo debería acontecer no caso dos escolares, xa que as hixiénicas só teñen unha vida útil de 4 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta