Galicia cada día menos

Vimos de coñecer os datos comparados da porcentaxe de litoral construída por Comunidades Autónomas en España, uns datos dos que tirarmos conclusións salientables de cara á nova política que precisa o país.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 14/08/2013

Comparte esta noticia

Un 20%, esa é a porción da costa galega, ata 500 metros, ocupada por edificacións. Moito, pouco? Dependerá  das sensibilidades. Quizais, sobre todo dos obxectivos, do que cada un pretenda. Se un busca –degoira– a conservación dos sinais propios e a posta en valor dos principais elementos endóxenos, se pretende fomentar o ben colectivo e protexer ese activo esencial que é  o medio, un 20% de ocupación do litoral semella unha barbaridade. Miremos aos veciños para nos aclarar: 9% de ocupación en Asturias, 14% en Cantabria, 15% no País Vasco. Galicia, disque, campioa norte na agresión  ó litoral.

Seguimos comparando e comprobamos a protección do territorio na rexión setentrional, a nosa: Cantabria 28%, Asturias 22%, País Vasco 14%, Galicia 12%. Son datos da Rede Natura a decembro 2011. Cataluña, por certo, 31%. Se introducimos na reflexión as plantacións de eucalipto, que acadan niveis de praga en Galicia moi por riba de calquera outra Comunidade Autónoma, ou a situación dos ríos galegos, en índices insostibles segundo certificou a propia UE, concluiremos que o balance do país en termos ecolóxicos esixe a corrección drástica e urxente das políticas de xestión medioambiental.

Mais as estratexias actuais van na mesma dirección ca no pasado, prosigue o espolio talvez convenientemente calculado. A renuncia a maiores cotas de protección, a permisividade programada contra áreas da Rede Natura, a Lei de Montes incentivadora do monocultivo e dos usos industriais nos espazos forestais, entre outros perniciosos indicios, demostran a vontade deste goberno por continuar o exterminio dos valores ecolóxicos propios de Galicia. Con iso están limitando a biodiversidade, están facilitando a erosión e os desastres naturais, están evitando a recuperación do agro e impedindo o asentamento no rural, e están acabando coa paisaxe galega outrora masivamente admirada.

A paisaxe, como escribín noutro medio hai máis xa de seis anos, resulta un elemento clave na conformación sociolóxica dun territorio e un símbolo fundamental da madureza e potencialidades das colectividades que nel residen. Actuar contra esta concepción é propio dos gobernos arcaicos e das comunidades primitivas, máis próximas á explotación bruta dos recursos cá xestión eficiente do medio.

O planeta agasallounos cunha dotación xenerosa de fondos naturais, terra e auga, que nos empeñamos toscamente en destruír. O que terminará por levarnos, máis cedo que tarde, á ruína económica, social e, tamén, espiritual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego