Por E.P. | OURENSE | 09/03/2021 | Actualizada ás 17:35
A Audiencia Provincial de Ourense absolveu a finais de febreiro aos 13 acusados da 'Operación Zamburiña', unha suposta trama de corrupción policial en relación con narcotráfico, tras anular as escoitas en que se sostiña todo o xuízo. Entre os imputados estaba o ex-xefe da brigada antidrogas da Policía Nacional de Ourense, quen agora solicitou regresar ao seu posto.
Na segunda vista do xuízo a sala comunicaba que se anulaba a proba clave, as escoitas, por considerar que "vulneraban os dereitos fundamentais" ao basearse nunha investigación policial que tachaban de "repleta de conxecturas". Ese mesmo día a avogada do ex-xefe antidroga da comisaría anunciaba que cando saíse absolto, "como debería saír", pediría o regreso á Policía, porque era "o que máis ilusión lle facía".
A data desa absolución foi o 22 de febreiro, cando os catro policías e nove presuntos traficantes resultaron exonerados. Esta mesma semana a letrada do ex-xefe antidroga asegurou que xa presentou a solicitude para reincorporarse ao cargo. Foi detido en novembro do ano 2015 cando era responsable do grupo antidroga da Policía Nacional en Ourense, posto ao que solicitou o ingreso, aínda que a unidade está a cargo doutro inspector desde hai seis anos.
A decisión depende da Dirección Xeral da Policía que, polo momento, non se situou sobre a admisión, xa que a absolución aínda non é firme. Fiscalía recorrerá ao Tribunal Supremo co argumento de "vulneración do dereito á tutela xudicial".
A letrada explicou que durante o case seis anos que estivo apartado do seu cargo, este axente non recibiu a totalidade do seu salario, debido á suspensión. Por tanto, exponse a posibilidade da reclamación económica se se confirma a absolución por parte do Supremo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.