Investigadores galegos conseguen xerar raios X mediante unha nova tecnoloxía

O estudo pretende construír aceleradores de partículas compactos con aplicacións médicas no futuro.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Un equipo liderado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) conseguiu xerar raios X mediante unha nova tecnoloxía de aceleración de electróns usando pulsos láser ultracurtos.

Vista do pre-amplificador multipaso do láser de L2A2 (esquerda) e imaxe por contraste de fase dunha abella obtida coa nova fonte microfoco de Raios X.
Vista do pre-amplificador multipaso do láser de L2A2 (esquerda) e imaxe por contraste de fase dunha abella obtida coa nova fonte microfoco de Raios X. | Fonte: IGFAE

O IGFAE fixo esta descuberta no transcurso dun proxecto en colaboración coa Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Salamanca e a empresa Sedecal SL para estudar a posibilidade de utilizar a aceleración de electróns mediante pulsos láser ultracurtos para desenvolver mamógrafos de alta precisión.

Esta investigación está a realizarse no Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicacións (L2A2) da USC, equipado cun dos poucos sistemas láser que existen no mundo capaz de producir pulsos láser cunha potencia de 50 teravatios (1012 vatios, un billón de vatios).

"APLICACIÓNS MÉDICAS"

Como explican integrantes do equipo compostelán, ao focalizar estes pulsos sobre un material xéranse campos electromagnéticos moi intensos, capaces de acelerar en poucas micras (0,001 milímetro) partículas a grande enerxía. Esta tecnoloxía "permitirá construír aceleradores de partículas compactos con aplicacións médicas no futuro".

"A vantaxe desta nova tecnoloxía é que, ao ter un foco xerador de raios X de dimensión micrométrica, conséguense imaxes de mellor calidade cunha menor cantidade de raios X", asegura José Benlliure, investigador do IGFAE e coautor deste traballo.

Por outra banda, os investigadores do IGFAE puideron aplicar esta nova técnica tanto a radiografía convencional como a imaxes tomográficas en tres dimensións. "Tamén podemos aplicar unha nova técnica de reconstrución da imaxe, radiografía por contraste de fase, que permite visualizar materiais de diferente densidade, en particular tecidos biolóxicos".

Esta é a primeira vez que o equipo produce raios X con pulsos láser de forma estable durante longos períodos de tempo, obtendo as primeiras imaxes tomográficas con esta nova fonte de raios X. En colaboración coa Universidade de Salamanca, os resultados do traballo foron publicados recentemente no último número da revista Physica Medica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta