Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 23/03/2021
Contrariamente ao que a meirande parte da xente cre, Coia non é un barrio de Vigo. Coia é unha parroquia histórica, na súa orixe campesiña e mariñeira, dese concello.
Ignórase cando naceu como entidade territorial poboada, pero o seu parto administrativo, explícannos Ramón Patiño e Xosé Miguel González no seu libro «Historia dunha parroquia: Coia» (RP Edicións, 1989): «[...] remóntase ó ano 1371, cando o monarca castelán Enrique II, estando nas Cortes de Toro, fai donación ó bispo tudense D. Xoán de Castro, do “couto e bailia de Coia” [...]» (p. 65).
A parroquia mantívose como ente independente até o 12 de xullo de 1901, data na que a Deputación Provincial de Pontevedra decidiu incorporala ao concello vigués.
A partires da segunda década do século XX a Coia histórica comezou a ser fragmentada, séndolle arrebatada unha gran parte da súa superficie, e na década de 1960 foi sometida a un proceso de urbanización sen límite que non respectou nin os seus principais símbolos identitarios: o Cruceiro, do ano 1723, e o Turreiro, unha alameda onde se celebraban as festas da Consolación e do San Martiño, entre outros acontecementos de lecer, que posuía un palco da música e varias ringleiras de plátanos de sombra case centenarios.
A «Cédula de Notificación» da «Gerencia de Urbanización» do «Ministerio de la Vivienda» da época do xeneral Franco, comeza diste xeito: «Por Orden Ministerial de 30 de septiembre de 1961, fue aprobada la delimitación a efectos expropiatorios del polígono “Coya”, sito en el término municipal de Vigo».
Os veciños, que levaban séculos vivindo no seu territorio, quedaron sen terras e sen casas a cambio dunha indemnización moi inferior aos prezos de mercado, e inda que lles concederon un piso, tiveron que pagalo durante vinte anos. Sen diferencia ningunha con respecto aos foráneos, aos que lles tocou en sorteo.
Pero non só se perderon bens materiais humanos. Tamén se extinguiron por completo a fauna e a flora autóctonas: raposos, dinosiñas, aguias, bolboretas, avespas, grilos, carriolas, vacalouras, carballos, nogueiras, vides, toxos, xestas, chuchameles... Xa non queda nin un.
Do mesmo xeito, o noso patrimonio cultural inmaterial unicamente fica na memoria de aqueles que o materializábamos cos nosos actos, e nalgúns libros. Como por exemplo os xogos: o pateiro, o aro, as bolas, o cacharrón, o pincho, os trompos...: «San Martiño, bota os trompos ao camiño; san Amaro bota os trompos ao faiado», ensinoume a miña bisavoa, Isabel Fentán Iglesias, «a Roxa do Couto».
E o costume do «padriño choucho». Cando se celebraba unha voda os rapaces agardábamos fóra da igrexa a que saíran os noivos cos seus padriños. En canto aparecían pola porta comezábamos a gritarlles: «¡Padriño choucho, mete a man no bolso!». Tras facerse de rogar unha chisca, o padriño tirábanos á rapañota moedas miúdas e caramelos; entón pelexabámonos por apañar o que puidésemos.
Os nativos de Coia inda mantemos unha forte identidade de pertenza á esta histórica parroquia e considerámonos veciños dela, non de Vigo; por iso cando temos que acudir ao centro da cidade dicimos «imos a Vigho». Polo mesmo motivo, o meu avó, Casiano Fernández Fentán, da familia dos Bautistas, empregaba con frecuencia e expresión «Nós, os de Coia...» (pronunciando con claridade o tritongo «oia», que tan complicado lles resulta aos castelanfalantes, aínda que sexan galegos), e a continuación engadía o que fora.
En nome do progreso matáronnos o Turreiro, esnaquizáronnos o Cruceiro, espoliáronnos as terras, extinguiron as especies, perdéronse os xogos tradicionais, sans e socializadores por requirir esforzo físico e se practicar en grupo, desapareceron usos e costumes centenarios que posibilitaron a supervivencia da xente, desfixeron a orografía da parroquia, invadíronnos milleiros de forasteiros...
E como consecuencia deste proceso destrutivo esmoreceu o galego até practicamente desaparecer. Porque eses forasteiros, pese a ser galegos coma nós, polo feito simple de vir morar á cidade abandonaron a lingua nai e hoxe en día apenas a falan os máis vellos.
Cando morran, tan só se escoitará no camposanto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.