A declaración aposta pola creba democrática ou, cando menos, nun ensaio xeral dunha futura rebelión cívica democrática.
O documento político ten como destinatarios aos nacionalistas galegos e a esquerda rupturista federal, mais tamén aos movementos sociais e cidadáns. No documento aprobado sublíñase a necesidade de xerar un proceso constituinte galego onde a soberanía nacional sexa exercida polo pobo que a convertería en soberanía popular.
O outro aspecto novo, e seguramente de forte impacto político pola súa transcendencia, é o chamamento á conformación unha fronte ampla estatal que sexa quen de desaloxar do poder ao réxime xurdido da segunda Restauración Borbónica e con ela o modelo de Estado. Beiras aposta por conseguir nun proceso de acumulación de forzas políticas e electorais unha nova maioría, que poida dar un novo marco constitucional, que permita resolver e superar o Estado centralista. O que non se puido lograr durante a Primeira e Segunda República, como tampouco na traizoada Transición, as condicións están madurando para producir a necesaria creba democrática, que garanta o dereito de autodeterminación dos pobos e os dereitos sociais da cidadanía. O Movemento independentista en Catalunya é un exemplo concreto deste novo escenario político, mais tamén o ascenso electoral das forzas políticas alternativas e anti-sistémicas.
Esta declaración da esquerda nacional está na tónica das posicións públicas de Esquerda Unida, Esquerda Anticapitalista, Equo, Compromiso A Esquerda ou Construíndo a Esquerda, tamén coinciden con outras organizacións nacionais do país vasco e Catalunya.
Non hai dubida ningunha de que Beiras volveu quedar co dominio absoluto do balón para seguir facendo goles ao «estilo Messi».