Moita tensión no pleno municipal de Ourense polo debate sobre retribucións

A sesión estendeuse durante máis de dez horas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2021 | Actualizada ás 22:27

Comparte esta noticia

O pleno municipal de Ourense saldouse cunha sesión de dez horas marcada pola tensión entre os grupos polo debate sobre as retribucións dos edís do PP, con continuos reproches entre socialistas e populares.

A sesión comezou ás 9.00 e terminou pasadas as 19.15 da tarde. Antes de chegar ás mocións, abordouse o tema das retribucións do PP, único grupo que non tiña dedicacións e que unicamente percibían un salario pola asistencia a plenos e comisións.

O primeiro en negarse foi o BNG cuxo portavoz, Luís Seara, manifestou que era a terceira vez que presentaban a mesma proposta. "O PP estivo a tratar de convencer a Jácome de que aceptase aos díscolos para volver ao goberno e como quedou abortado agora adaptan os soldos á súa posición", reflexionou, tras sentenciar que a proposta "rompe a proporcionalidade" e o consenso adoptado en xullo do 2019.

As palabras molestaron á portavoz do Partido Popular, Flora Moure, quen rebateu que "é moi fácil argumentar" cando se "ten unha dedicación exclusiva con só dous edís e a súa compañeira concelleira cobrando máis que calquera".

O portavoz socialista, Rafa Villarino, criticou que xa no pleno de decembro entregaron unha proposta que tiña 13 dedicacións e incluía as mesmas que tiñan Partido Popular e Democracia Ourensá cando gobernaban xuntos. "Cando se lle advertiu a Jácome recuou e dixo 'confundinme', tómannos por parvos señores do PP?", cuestionou Villarino.

"DIMITO MAÑÁ"

A lea levou a unha disputa na que terminou salpicado o Bloque Nacionalista Galego e Cs, posto que o alcalde sentenciou que son os que máis cobran da institución. "Rompería a proporcionalidade, claro, porque vostedes están a cobrar demais", trasladou, para o desgusto de Seara, que o tachou de demagogo.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.. CONCELLO DE OURENSE
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.. CONCELLO DE OURENSE

Jácome continuou saltándose as quendas de palabra para afearlle que "é un mentireiro", acusándolle de ter "un dobre discurso" e de reunirse "en 2015 con Baltar para ter soldo ao quedar cun só deputado". "Se ten probas diso mañá mesmo abandono a política", sentenciou Seara, ao que Jácome respondeu que só entregará as "probas se un xuíz llelo pide"

ESFOLLAR A MARGARIDA

Nesta mesma liña, Flora Moure sinalou a Rafa Villarino asegurándolle que "o seu afán de querer e non poder ser alcalde" faille "prescindir dos seus escrúpulos". "Ten dedicación exclusiva da Deputación, cobra do Concello e segue sendo profesor universitario. Con vostede non Villarino, con vostede nunca, Villarino", volveu a reincidir a portavoz popular.

"Arrieiros somos e no camiño nos atoparemos", manifestou Jácome cando co voto en contra do PSOE, BNG e dos 4 díscolos, o PP quedouse sen as súas retribucións. "É vostede un mentireiro e é noxento que rompa o seu acordo de votar a favor, doume conta de que foi un gran acordo non negociar co Partido Socialista en xuño do 2019, se lle damos a vostede a Alcaldía a Deputación nin a cheiramos, vostede non ten palabra", tachou o rexedor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ourense fai públicos os seus Plenos ! Mentras Vigo os oculta e privatiza ! https://www.youtube.com/c/Concellod... Tramitando en plena pandemia o Plan Xeral de Urbanismo, e levantando edificios de 9 alturas en Beiramar sen siquera publicar o número da licenza municipal (?) Curioso ter que vivir no cortello de Abel e Carmela !