"A loita de Virxinia Pereira non se pode agochar detrás da de Castelao, os dous ían á par"

Lonxe da imaxe de "miña xoia" que se trasladou dela, Virxinia Pereira foi unha gran defensora do país e da lingua, chave na loita antifascista e galeguista. Eis un bocado da súa historia.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Virxinia Pereira foi moito máis que que 'a muller de' ou que a viúva de Castelao. A súa loita antifascista e galeguista, xunto coa do seu compañeiro, centra este mércores, 14 de abril, unha palestra dirixida pola xornalista Montse Fajardo, autora do libro A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira; e o catedrático de ensino medio e estudoso do artista e político Alfonso Daniel R. Castelao, Xoan Carlos Garrigo. A conferencia, que terá lugar no Museo de Peregrinacións de Santiago de Compostela, percorrerá a loita e o legado de Virxinia e Castelao na historia de Galicia. Falamos con Montse Fajardo para ir abrindo boca. 

Virxinia Pereira.
Virxinia Pereira. | Fonte: Consello de Cultura de Galicia

Que papel tiveron as mulleres en xeral e Virxinia Pereira en particular na loita galeguista e antifascista?

Sempre que falamos da loita antifascista falamos fundamentalmente dos homes, porque é verdade que naquel tempo de principios de século as mulleres aínda estaban empezando a participar na vida política e sindical e a loitar porque se nos tratase como cidadás de pleno dereito e non só como nais, esposas e persoas a tutelar. A participación deles é, polo tanto, máis grande, pero iso non significa que as mulleres non levasen loitando décadas para conseguir dereitos feministas e para toda a sociedade. Están aí as mulleres que foron asesinadas nas revoltas campesiñas de cambio de século, aí están as Irmandiñas e están aí as mulleres que empezaron a sindicarse, como as cigarreiras da Coruña. Hai unha loita das mulleres moi importante, pero cando se empeza a rescatar a memoria, eles adquiren o papel máis destacado. Ademais, pese a que as mulleres intentaban participar na vida política había en todos os partidos, tamén nos de esquerza, unha visión machista que as relegaba a papeis máis segundarios.

"Hai unha loita das mulleres moi importante, pero cando se empeza a rescatar a memoria, eles adquiren o papel máis destacado".

No caso de Virxinia Pereira, a figura de Castelao é tan inconmensurable que tapou por completo a Virxinia, e ademais non só se silenciou senón que a idea que se trasladou dela era a de que era unha miña xoia, unha 'nena ben' da Estrada que non tiña ningún tipo de implicación política nin ideolóxica. É verdade que non atopamos militancia cando a estudamos pero si que atopamos cartas onde viamos que era moi potente a súa loita galeguista e antifascista. As cartas que lle manda a Otero Pedrayo amosan unha Virxinia que non está disposta a coquetear co franquismo, unha Virxinia defensora dos dereitos do país e da lingua, unha Virxinia que non ten nada que ver con esa imaxe de miña xoia. 

Persiste hoxe esa visión estereotipada de Virxinia só como enfermeira e compañeira de Castelao?

"Ela é moi belixerante co franquismo. A súa loita non se pode agochar detrás da de Castelao, ían ao lado a unha da outra". 

Existía esa visión de esposa relegada. Virxinia foi unha compañeira leal. Castealo tiña moitos problemas de cegueira e ela axudáballe coas proporcións dos debuxos e facíalle plantillas de cartón para que el vise un pouquiño mellor. Iso non significa que non tivera a súa propia ideoloxía, influída polo pensamento de Castelao, claro, pero cuxas ideas eran propias. Nos seus escritos queda clarísimo, mesmo cando xa é viúva, que ela defendía con firmeza o antifascismo. Vese no tempo do exilio cando se enfronta coa diplomacia franquista que intenta na Arxentina poñer flores na tumba de Castelao. Ela é moi belixerante co franquismo. A súa loita non se pode agochar detrás da de Castelao, ían ao lado a unha da outra. 

Como foi ese episodio no que ela se nega a que poñan a bandeira española sobre a tumba do seu home?

Hai un momento nos anos 50 e preto dos 60 en que a diplomacia franquista do Estado español quería amosar unha imaxe máis aperturista e tomar o control de asociacións de exiliados e emigrantes que eran de forma unanime antifranquistas. Daquela cando morre Castelao fan un acto en Bos Aires e van poñerlle unha coroa de flores á súa tumba. Teñen esa indecendia e esa desvergoña. Virxinia negábase taxantemente a asistir a calquera acto e a que puxeran esa coroa porque para ela aquela era a bandeira franquista e fascista que sustituíra a tricolor. Era unha ofensa. Ponse furiosa e manda retirala inmediatamente a través dunha "man amiga". Este episodou é un símbolo de que ela nunca claudicou e nunca coqueteou co franquismo a pesar do mal que o pasaron económicamente.

Que supoñía naquela época ser exiliada e muller coma Virxinia?

Deberiamos diferenciar dous tipos de exiliadas: ese perfil máis político como Virxinia, onde había certo estátus, e outro perfil de mulleres que se exiliaron, como Mercedes Magdalena, co seu home e fillos e que teñen que sacar adiante a tenda, a casa e a familia nun ambiente moi machista. Virxinia nese sentido tívoo algo máis facil porque non tivo que tirar da descendencia e de ningún negocio. Con todo, as mullerres no exilio enfrontábanse a esa dobre condición de represión política e machista. 

Unha vez falece Castelao, ela foi privada da súa herdanza e loitou porque o seu legado se gardase no Museo de Pontevedra.  

Ela vai de incerteza en incerteza na súa vida. Cando queda viúva ten que afrontar avatares que non esperaba. O seu fillo xa morrera e a lei naquel momento non lle daba ningún dereito á muller sobre as propiedades, polo que todas pasaban a ser herdadas polas súas irmás. Ademais, o goberno establece unha sanción económica que supón a venda de todos os bens de Castelao, polo tanto ten que pelexar contra cuñadas e contra o rexime franquista pola súa herdanza. Grazas a esta loita moi importante de Virxinia, a meirande parte da obra está agora no Museo de Pontevedra, por expreso desexo dela. Ela é quen loita porque todo o seu legado non se perda. 

"O Museo de Pontevedra non podería ser o gran museo de Castelao sen a súa xenerosidade e a súa loita".

Que momento é o máis destacable da súa biografía e que papel ten Virxinia na historia do país?

Precisamente isto que viñamos falando. O máis destacado é a súa inamobilidade na súa oposición radicalmente antifranquista. Morre sendo antifascista e galeguista. Por outro lado, a maior contribución de Virxinia á historia é a de ser gardiá do legado inmenso tanto persoal como artístico de Castelao. Sen ela teriamos moitísimas menos obras. O museo non podería ser o gran museo de Castelao sen a súa xenerosidade e a súa loita.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta